O Estado español continúa incumprindo a Carta Social Europea na contía do salario mínimo
O Estado español segue a incumprir co estabelecido na Carta Social Europea ao fixar unha contía para o Salario Mínimo Interprofesional inferior ao 60% do salario medio. Para este ano decretouse un importe de 15.876€, mais, segundo os datos publicados por Eurostat, o salario medio bruto anual no Estado español en 2023 foi de 30.237€.

Isto significa que o SMI aprobado para 2024 representa só o 52,50% do salario medio recollido por Eurostat, cando debería ascender, polo menos, a 18.142€/ano e a 1295€/mes.
Confírmase o que a CIG leva anos denunciando, especialmente desde que o Estado español se adheriu á última versión revisada da CSE: que a pesar da propaganda, o Goberno segue sen cumprir co artigo 4.1, motivo polo que o sindicato xa presentou unha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) que está pendente de resolución.
Tomando como referencia os datos da Axencia Tributaria, para este 2024 a CIG solicitou aumentar o SMI até os 1.253€/mes, en 14 pagas; unha contía que difire minimamente da reflectida por Eurostat.
Neste senso, a CIG leva tempo reclamando que para calcular o salario medio non se utilice a Enquisa anual de estrutura salarial do INE, senón que se siga o criterio do CEDS. De feito, o organismo europeo xa instou a España, en múltiples ocasións, a elevar o seu SMI e vén considerando que a situación actual non é conforme ao que se determina para garantir un nivel de vida digna.
A CIG lamenta que o Goberno español, co aval de UGT e CCOO, siga sen cumprir coa CSE, reclama que se aprobe un incremento do SMI que o sitúe realmente no 60% do salario medio e que se empregue o método de cálculo do CEDS, que obtén os datos do Eurostat, porque a Carta Social Europa non chega con asinala, tamén hai que cumprila.