O entreguismo do sindicalismo español na sanidade privada evidencia a necesidade dunha maioría da CIG

Nacional - 31 Mai 2024

O asinamento do preacordo para o convenio da sanidade privada da provincia da Coruña manifesta a necesidade de contar cunha maioría sindical da CIG, de ter á fronte das negociacións a un sindicato que acredite na capacidade mobilizadora da clase traballadora e capaz de transformar esa capacidade en melloras reais das condicións laborais e salariais.

 

Despois de nove xornadas de folga e innumerábeis accións de protesta, UGT e CCOO asinaron un preacordo coa patronal que supuxo finalizar a mediación aberta, “impedindo que a presión exercida polas traballadoras servise para dar un salto cara a diante na mellora do convenio”. 

UGT e CCOO asinaron un preacordo coa patronal que impide dar un paso adiante na mellora do convenio da Coruña, mentres que en Lugo os sindicatos renunciaron a negociar, dando por boa a proposta do empresariado

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, salienta que todos os avances acadados nesta negociación foron posíbeis grazas á loita continua e intensa desenvolvida polo persoal nos últimos meses, logrando evitar tamén o recorte de dereitos pretendido pola patronal.

Tizón lembra que foi a CIG “quen mantivo a presión e traballou arreo, tanto na mesa de negociación como mantendo o conflito na rúa, para conseguir o mellor acordo”. De ter CIG a maioría de representación na mesa, a loita podería continuar até conseguir as reivindicacións fundamentais do sector.

Máis vergoñento aínda é o caso de Lugo, onde UGT e CSIF renunciaron mesmo á negociación, dando por boa a primeira proposta patronal, sen intentar sequera mellorar as condicións do convenio (malia que a patronal remitiu un segundo documento incorporando algunhas das demandas da CIG), e promovendo unha consulta falaz e sen garantías entre o persoal coa que pretenden lexitimar o seu entreguismo sindical.