O emprego en Galiza mantén unha tendencia estancada con precariedade laboral en aumento

Nacional - 04 Mar 2025

Os últimos datos do paro correspondentes ao mes de febreiro revelan un estancamento na creación de emprego en Galiza, aínda que con algunhas cifras lixeiramente positivas. Con todo, a situación segue a ser, para a CIG, preocupante, xa que é o país mantén unha das taxas de desemprego máis altas de Europa, con 120.977 persoas paradas. Este dato sitúa tanto a Galiza como ao conxunto do Estado español entre as rexións con peores indicadores laborais do continente.

A pesar de que a dinámica de creación de emprego é similar á doutros países europeos, Galiza non consegue reducir a súa taxa de desemprego a niveis comparables aos do seu contorno. Isto ten como consecuencia, segundo explica o secretario confederal de Emprego, Francisco Fernández Sío, “un mercado laboral cada vez máis precario, onde os contratos fixos-descontínuos, os indefinidos a tempo parcial e os temporais seguen a medrar”.

Os datos da afiliación á Seguridade Social confirman que a modalidade de contratación de fixos descontinuos aumentou un 2,8%, “o que agrava a inestabilidade laboral e as condicións de vida das persoas traballadoras”.

Neste sentido, González Sío afirma que coa escusa do paro estrutural “non se está creando emprego de calidade nin estable” e que cada vez son máis os despedimentos no Estado español o que ao seu entender contata que “ter un contrato indefinido xa non é sinónimo de estabilidade”.

Reforma laboral

O secretario confederal de Emprego atribúe esta situación á reforma laboral de 2012, que non foi derrogada e que reduciu as indemnizacións por despedimento, o que afecta directamente os traballadores indefinidos que perden os seus postos. “Despídese moito máis e aínda por riba cunhas contías moito menores xa que os salarios que levan  polas modalidades de contratación que están establecidas non son salarios completo, por iso as indemnizacións son menores, agravando a situación económica das persoas afectadas”, subliña.

O declive do sector industrial

González Sío advirte, ademais, de que o sector industrial galego segue a perder peso no conxunto do emprego, mentres que o sector servicios acada o 71,9% do emprego neste mes. Esta tendencia “reflicte unha aposta por actividades máis precarias e estacionais, típicas dun país en vías de desenvolvemento, como a hostalaría e o turismo”, explica. Actividades que, afirma, “non garanten un emprego estable nin de calidade” e que afastan a Galiza dun modelo económico sólido.

Fuga de talento e envellecemento da poboación activa

Outro problema que salienta González Sío é a diminución do número de traballadores menores de 40 anos, que se confirma nos datos de emprego. Este descenso non se debe unicamente ao problema demográfico, senón tamén ás condicións laborais precarias que obrigan a moitos jovens a emigrar en busca de mellores oportunidades e en condicións máis dignas. Esta fuga de talento supón un reto adicional para o futuro económico de Galiza.

Taxa de ocupación moi por debaixo da media europea

A taxa de ocupación en Galiza sitúase no 48,5%, moi por debaixo da media europea, que supera o 75% e que o secretario confederal de Emprego entende que “pecha o círculo”. Este dato reflicte unha realidade preocupante: menos taxa de ocupación, polo tanto menos poboación traballadora; menos poboación activa, menos xente nova e máis precariedade laboral. Unha combinación de factores que dificulta que os traballadores galegos poidan acceder a condicións de vida dignas.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.