O Dez de Marzo: represión, solidariedade e afouteza

Manuel Mera - 07 Mar 2023

Non se pode desligar esta mobilización obreira tanto en Ferrol en marzo como en Vigo en setembro, que implicou un salto cualitativo, de procesos anteriores como a protesta labrega de 1965 en Castrelo do Miño e da de 1968 no estudantado de Compostela, e dos múltiples paros accións reivindicativas da clase traballadora durante este período

 Hai 51 anos preto de catro mil manifestantes, operarios do estaleiro de Bazán, no Ferrol, dirixíronse á entrada da cidade, despois de atopar pechadas as portas do estaleiro por peche patronal. O obxectivo era sumar os operarios que ían saír do estaleiro de Astano, en Fene, atravesando a ponte das Pías, así como os traballadores da construción de Caranza. Á altura das “Casas Baratas” sesenta grises (policía armada) cortáronlles o paso e dispararon contra os manifestantes, que guindan pedras e recuaron... Continúan os disparos dos “grises” e caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e son feridos outros vinte oito traballadores.

 A mobilización dos traballadores do estaleiro ferrolán tiña orixe na reivindicación dun convenio de empresa provincial, xa que estaban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa foi unha reivindicación que, na práctica, coincidía cos obxectivos do nacionalismo, que agromaba con forza na mocidade; aínda que a hexemonía sindical era dunha organización estatal, Comisións Obreiras, controlada polo PCE, nas que ademais había militantes anarquistas e nacionalistas (cómpre lembrar que en Vigo estaba incorporada Galicia Socialista, e que naquela altura xa actuaba como unha forza á parte Organización Obreira, da que un sector se reivindicaba nacionalista e posteriormente se incorporou ao SOG, un precedente do que hoxe é a CIG).

 Como consecuencia do enfrontamento do dez de marzo, en realidade do masacre da policía ao servizo da ditadura franquista, e a resposta solidaria na comarca da clase traballadora, declárase o estado de excepción na cidade. Bazán ficará pechada por dez días e despois será militarizada. O cruceiro Canarias preparouse para “protexer” os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. Así de rotunda foi a resposta do réxime, temeroso dunha revolta social. Daquela que a represión non se fixo esperar, e segundo fontes policiais serían detidas 169 persoas, 130 operarios foron sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita e unhas 200 persoas da comarca pasaron á clandestinidade. Outras valoracións aumentan até os 160 despedidos na Bazán e outros 100 noutras empresas da bisbarra.

 A solidariedade en toda Galiza contra represión da ditadura no Ferrol foi inmediata e amosando o alto nivel de conciencia de clase, máxime tendo en conta os métodos que utilizaba a ditadura. Houbo paros que duraron varios días nas empresas máis importantes da comarca. Ademais, a solidariedade estendeuse a Vigo, onde foi moi destacada, tanto polas empresas que foron á folga como polas manifestacións nas rúas. Tamén houbo resposta obreira na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela. Nalgúns casos, especialmente en Compostela, uníronse ás protestas os estudantes. Os xornais do 17 de marzo salientaron que se restablecera a normalidade nas empresas.

 Non se pode desligar esta mobilización obreira tanto en Ferrol en marzo como en Vigo en setembro, que implicou un salto cualitativo, de procesos anteriores como a protesta labrega de 1965 en Castrelo do Miño e da de 1968 no estudantado de Compostela, e dos múltiples paros accións reivindicativas da clase traballadora durante este período. Tamén están moi relacionadas coas folgas de 1972, evidenciando o fracaso da represión e o grao de afouteza do pobo galego, as protestas posteriores de 1977 contra a cota empresarial agraria, as xornadas de loita en 1978 contra o Pacto da Moncloa, as marchas contra Xove nuclear de 1978 e 1979, a oposición á reconversión do naval, e as tres folgas nacionais galegas de 1984, entre outros conflitos da época.

 Todas estas accións reivindicativas marcaron decisivamente aquela etapa da loita contra a ditadura e o conflito de clase e nacional no proceso de “transición”. Foi un contexto no que se agudizaron as contradicións do sistema, tamén ficaron evidentes na sociedade os límites e afouteza de cada forza social, sindical e política. Foron anos que abriron o camiño ao nacionalismo galego, democrático e popular, xa que foi quen de comprender o momento histórico e a intima relación que existe na Galiza entre opresión nacional e explotación de clase, e ademais tomar iniciativa.

 

[Galiza, 7 de marzo de 2023]

https://obloguedemera.wordpress.com/