O devalar económico de Alemaña
Como consecuencia directa pola falta de subministracións enerxéticas rusas máis baratas, Alemaña entrou nun período de dificultades industriais que repercute na economía xeral e na vida das persoas
A República Federal Alemá está a entrar nun perigoso devalar como o ideou desde hai tempo Estados Unidos, cuxas intencións son as de debilitar e controlar a principal economía da Unión Europea.
A Oficina Alemá de Estatísticas informou que o Produto Interno Bruto (PIB) se contraeu por segundo trimestre consecutivo. No primeiro trimestre de 2023 caeu 0,3 % e no cuarto trimestre de 2022 se retraeu 0,5 %.
Unha recesión, segundo o estabelecido, defínese comunmente cando ocorren dous trimestres sucesivos de crecemento negativo do PIB. Coa alta taxa de inflación que padece este país, caeu o consumo dos habitantes e polo tanto toda a economía.
O gasto dos fogares descendeu 1,2 % no trimestre tras os axustes por prezos, estacionalidade e calendario, mentres o consumo público tamén diminuíu un 4,9 %, no mesmo período.
Andreas Scheuerle, analista do banco DekaBank, declarou que «baixo o peso da enorme inflación, o consumidor alemán caeu de xeonllos, arrastrando consigo a totalidade da economía».
Resulta completamente obvio que, para chegar a esa situación, unha das razóns fundamentais foi o aumento masivo dos prezos da enerxía desde que o goberno do chanceler Olaf Scholz seguiu cegamente as ordes emanadas desde Washington de non adquirir o gas procedente de Rusia co obxectivo de debilitar o xigante euroasiático.
Así comezaron as chamadas “sancións” contra Moscova que levaban a manifesta intención norteamericana de que Europa Occidental lle mercase o gas que produce nos seus xacementos coa técnica de fracking, moito máis custosa, o que ademais aumentarían os prezos por telo que transportar en barcos no canto de gasodutos.
Nese afán de controlar e amordazar a Unión Europea e sobre todo a Alemaña, o presidente Joe Biden autorizou a voadura dos gasodutos Nord Stream 1 (en funcionamentos desde 2010) e o Nord Stream 2 (concluído en 2021) segundo unha investigación realizada polo destacado xornalista Seymour Hersh quen publicou unha reportaxe respecto diso o pasado 8 de febreiro.
Non hai dúbidas de que, ademais de Rusia, os grandes perdedores por esa deplorábel acción foron Alemaña e varias nacións europeas, que ademais da vasalaxe a que foron sometidas polos Estados Unidos, teñen que lle mercar a Washington o combustíbel a case o dobre do que proviña do xigante euroasiático.
Como consecuencia directa pola falta de subministracións enerxéticas rusas máis baratas, Alemaña entrou nun período de dificultades industriais que repercute na economía xeral e na vida das persoas.
Á vez, comezou unha desindustrialización, a cal se converteu no centro de atención dos economistas pois, xa en outubro de 2022, o xigante químico alemán BASF revelou os seus plans de trasladar parte das súas instalacións de produción a China, tras alegar os elevados custos enerxéticos.
Iso ocorre cando o 10 % das pequenas e medianas compañías industriais alemás declararon que trasladarían as súas producións ao estranxeiro, segundo unha enquisa realizada pola Fundación para a Empresa Familiar.
A seguir, en febreiro deste ano, BASF anunciou que recortaría 2.600 postos de traballo, o cal constitúe o 2,3 % do seu persoal a escala global, deles, 1.800 veríanse eliminados na sede de Ludwigshafen, en Alemaña.
Está previsto que a nación xermana alcance este ano unha inflación de entre un 7% e 8% e o dos alimentos próximo ao 25% o que terá un forte impacto sobre os consumidores que verán diminuír o seu nivel de vida, sobre todo o da clase media.
Berlín afíxose á subministración de enerxía a longo prazo, fiábel, barata e abundante procedente de Rusia o que xogou un papel fundamental no desenvolvemento e fortalecemento do seu forte sector industrial.
Agora, ao aumentar os custos de produción da industria alemá xa se nota un efecto negativo sobre a competitividade industrial no mercado mundial, o cal foi desde hai anos o obxectivo de Washington para conter a potencia xermana.
Outro panorama desalentador ocorre dentro da Unión Europea, que seguindo as directrices de Washington, afronta as consecuencias por impor extorsións a Moscova, o cal lle provocou que se reduzan notabelmente as súas propias oportunidades de desenvolvemento.
O director da Fundación Centro de Investigacións de Política Internacional (CIPI) en Bruxelas, Paolo Raffone, salientou que de continuar a Unión Europea coa política de apoio a Ucraína e illar a Rusia haberá un custo maior para os gobernos do vello continente. Porén, engadiu, é pouco probábel que a UE dea marcha atrás no seu rumbo político, xa que o bloque sucumbiu á presión de Washington.
Alemaña, considerada a locomotora económica da Unión Europea, está en declive e se o estancamento vai a máis e se alonga, as consecuencias serán desalentadoras para toda a Unión. Seica, seguir os agresivos consellos da Casa Branca contra Rusia non lles deu o resultado esperado.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 2 de xuño de 2023]