O despedimento de máis de 400 interinos e a perda de poder adquisitivo do profesorado marcan o comezo de curso
A CIG-Ensino denunciou esta mañá, en rolda de prensa, o comezo dun novo curso escolar marcado, máis unha vez polo inmobilismo da Consellaría, o despedimento de máis de 400 docentes interinos e a perda de poder adquisitivo do profesorado galego. Xunto a isto advertiu que este colectivo pasará a facer substitucións ou irá directamente ao paro despois de que a Consellaría convocara oposicións sen ter en conta a súa situación e a previsión de xubilacións.
O curso arrinca tamén co peche de 74 aulas en infantil e primaria e lastrado polo peor acordo salarial dos últimos anos, asinado só por dous sindicatos e pechado pola porta de atrás nos despachos da Consellaría, que non impedirá seguir perdendo poder adquisitivo. A Xunta négase a reducir a xornada lectiva do persoal docente e mantén os descontos por enfermar, as materias afíns sen ningún tipo de regulación, a alta provisionalidade e a falta de transparencia nos concursos de traslados e adxudicación de destinos.
Máis dun 11% do persoal interino que tivo nomeamento durante todo o curso pasado perderá o seu posto de traballo ou verá empeoradas as súas condicións laborais despois de que a Consellaría convocara oposicións sen facer un estudo serio sobre a previsión de xubilacións e a situación deste colectivo en cada especialidade. En concreto, segundo un informe elaborado pola CIG-Ensino tras a adxudicación de destinos para este curso serían un total de 172 en Primaria e 256 en Secundaria as prazas afectadas por esta falta de planificación e por un sistema de acceso que todo semella que vai seguir igual nos próximos anos, dada a falta de interese de novo goberno do PSOE no Estado por cambialo. En concreto, o estudo realizado pola CIG-Ensino e presentado hoxe polo seu secretario nacional, Suso Bermello, tira unhas conclusións rotundas:
- O 36% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación
- Dous terzos das persoas aprobadas teñen un máximo de 2 anos como persoal interino.
- A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 18%.
- No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase ao 5% (79 persoas en total en todos os corpos).
Como xa alertou a CIG-Ensino nas últimas Mesas Sectoriais esta situación pode agravarse máis nos próximos anos de non se abordar a negociación dun acordo de estabilidade do persoal interino con moitos anos de servizo ou de avanzada idade.
Con respecto á vindeira convocatoria de oposicións, Suso Bermello indicou que “dado o hermetismo e a falta de transparencia ao que nos ten acostumados a Consellaría non podemos ser moi optimistas. Mais agardamos que se arranxen as irregularidades que deron pé ás múltiples queixas que se produciron este ano e a que quedaran por cubrir un 16% das prazas ofertadas, após a farsa de inflar a cifra total coas prazas de promoción interna”.
Desde o sindicato maioritario nas mesas de negociación “seguiremos insistindo na necesidade de acometer melloras que lle competen exclusivamente á Consellaría: reducir o número de aspirantes por tribunal, delegar a baremación nunha comisión técnica, garantir ao máximo posíbel o anonimato das probas e facilitar a súa realización, dotando os tribunais, que deben ser por sorteo, incluída a presidencia, do tempo suficiente para que poidan examinar en mellores condicións ás e os opositores”.
O peor acordo salarial dos últimos anos
Tras asinar pola porta de atrás un acordo salarial apoiado só por dous sindicatos que “se converteron en especialistas en asinar nas condicións que sexa, pechando así a posibilidade de incluír na negociación unha recuperación do roubado e das nosas condicións de traballo, o peor é que este acordo hipoteca até 2021 calquera outra mellora salarial que se puidera conseguir para o profesorado galego e non evita seguir perdendo poder adquisitivo”. De feito, puntualizou Bermello, “as subas salariais pactadas (un 1,5% de momento da masa salarial polo acordo estatal) e a irrisoria contía de 15€ brutos a partir da paga de outubro son inferiores á suba do IPC que se disparou ao 2,3% interanual nestes momentos”.
Neste acordo tamén se perdeu unha boa ocasión para acometer a eliminación dos descontos por enfermar, que seguen aínda vixentes para o profesorado despois de que o goberno do PP de Madrid, o mesmo que implantara estes recortes, deixou en mans das administracións autonómicas a decisión de revertelos.
Empeoramento das condicións de traballo
Hai CC.AA. que xa neste curso 2018/19 van recuperar os 18 ou 19 períodos lectivos para o profesorado de secundaria. O goberno Feijóo foi o primeiro de todo o Estado en incrementar o horario do persoal docente nada máis chegar ao poder en 2009. Pasamos de 25 a 21 horas en infantil e primaria e de 18 a 20 en secundaria. Durante as negociacións de finais de curso, co apoio das demais organizacións sindicais, a Consellaría negouse a abrir a negociación da recuperación dos nosos horarios lectivos. Agora o Ministerio anula o RDL 14/2012 que fixaba uns mínimos de 20 horas en secundaria e 25 en primaria (e que xa algunha Comunidade obviara negociando unha diminución de carga lectiva) “e o cinismo do conselleiro de Educación lévao a dicir que o Ministerio debe transferir fondos para que se poida implantar esa medida, o que é radicalmente falso”, puntualizou o secretario nacional da CIG-Ensino. Co mesmo inmobilismo está a actuar a Consellaría coa ampliación de ratios, que nalgúns casos están por riba dos máximos legais.
A redución de horario lectivo e de ratios suporía unha mellora relevante na calidade do ensino ao ter menos grupos que atender, permitir os desdobres e os reforzos e reducir a impartición de afíns, podendo así dedicar máis tempo á coordinación e ao traballo en equipo nos centros, o que levaría indirectamente a aumentar os postos de traballo paliando, en parte, os efectos das oposicións sobre o persoal interino. Mais a tendencia da Consellaría é a ir empeorando as condicións de traballo e mesmo a ampliar o calendario laboral do profesorado ao introducir os exames extraordinarios de Bacharelato en xullo para acomodar as axendas do ensino secundario ás da universidade, un camiño moi cuestionado xa desde o propio ensino superior.
Bermello fixo balance tamén doutros aspectos da política educativa de Feijóo que deixa un inicio de curso con 74 aulas de infantil e de primaria pechadas en toda Galiza, sobre todo no rural, cunha insuficiente atención á diversidade ao non incrementarse os cadros de persoal de profesorado especialista en Audición e Linguaxe, Orientación e Pedagoxía Terapéutica e limitarse só a converter 135 postos provisionais en fixos durante o curso pasado pero fixando o carácter itinerante a estas prazas. Desde a CIG-Ensino seguiremos a demandar máis postos fixos e sen ter que compartir centro para garantir unha atención continuada do alumnado con NEAE.
Falta de transparencia nas vacantes provisionais e fixas
Outro elemento central do presente curso será comprobar os efectos do cambio de criterio da Consellaría, ao ter aceptado na última Mesa a proposta da CIG-Ensino de negociar en profundidade a oferta de prazas para reducir o máximo posíbel a provisionalidade e dotar de estabilidade os equipos docentes dos centros de todas as etapas e niveis educativos. Bermello apunta que o obxectivo do sindicato é que este cambio permita limitar a dous anos o tempo máximo que o persoal docente tarda en obter destino definitivo desde que aproba a oposición e a que se garanta a posibilidade de obter un mellor destino para o funcionariado de carreira ofertando todas as vacantes existentes no Concurso Xeral de Traslados. Así mesmo, no concurso de adxudicación de destino provisional é preciso que se coñezan con anterioridade as vacantes ofertadas polos centros, para disipar as dúbidas sobre a falta de transparencia que hai nestes dous procedementos.
Sen expectativas para tirar abaixo a LOMCE
Bermello tamén se referiu á falta de novidades concretas sobre a LOMCE. Tras a reunión a finais de xullo co novo equipo ministerial non se viron movementos que indiquen que se pretende lexislar nese sentido. A estratexia do PP de manter inalterada a estrutura da peor lei educativa desde a morte do ditador veríase respaldada se non se producen cambios canto antes á hora de derrogar a LOMCE e todo o negativo que esta norma supuxo: probas externas, elección antidemocrática das direccións, relixión no currículo con valor académico ou centros que segregan por sexo financiados con fondos públicos.