O departamento provincial da Amtega en Ourense incumpre a normativa en materia de prevención de riscos laborais
A CIG denunciou na Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega) se nega a aplicar as medidas contempladas no plan de acción en materia de prevención de riscos laborais. Na central reclaman que o departamento autonómico cumpra a normativa e corrixa con absoluta inmediatez as deficiencias detectadas.
Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense sinalan que no departamento provincial da Amtega, situado no edificio administrativo da Xunta e no que prestan servizo 12 traballadores/as propios/as e dúas persoas de asistencia técnica externa da empresa Plexus, non se respectan as medidas preventivas mínimas para garantir a seguridade, a saúde e a propia vida das persoas, sexan traballadores/as ou visitas externas (outros/as empregados/as públicos/as).
En concreto, denuncian que o persoal atópase apiñado, até o punto de houbo que comprar mesas máis pequenas para que entrasen no espazo dispoñíbel). Isto provoca que para poderen acceder ao seu posto algúns/has compañeiros/as teñan que erguerse outros/as. As vías de paso úsanse para almacenar equipos informáticos e impresoras e persoal non dispón de espazo suficiente para realizar tarefas de reparación e mantemento de equipos. Ademais, a distancia entre o bordo da mesa e a parede detrás do traballador/a non chega ao mínimo de 115 centímetros e a altura do teito é inferior aos 2,5 metros.
Ao mesmo tempo, debido a que as instalacións da Axencia se atopan no derradeiro andar, prodúcense cambios bruscos de temperatura (en inverno a primeira hora vai frío, e a media mañá, se dá o sol, é preciso abrir as fiestras). A temperatura interior no posto de traballo no verán chega a superar os 30º.
A isto hai que sumar un elevado ruído ambiental por ter próximas as unidades externas dos acondicionadores do aire doutros organismos (Igape, Servizo de Deportes, Servizo de Emerxencias, Aula de Cursos, Informática, etc.). E cando hai choiva prodúcense filtracións de auga polo tellado que provoca humidade visíbel no teito e nas paredes con mofo e descascamento.
Outros dos incumprimentos teñen que ver con que os traballadores/as non están informados/as da súa avaliación de riscos laborais nos traballos de campo e carecen de información de seguridade sobre a manipulación de tóner e de aspiradores con filtros de tóner marcados na avaliación de riscos.
Plan de acción sen executar
Diante disto, a técnica de prevención de Mugatra elaborou un plan de acción no que se establecen unha serie de actividades preventivas con medidas a implantar entre as que salientan a distribución dos niveis de iluminación acorde ao marcado no R.D. 486/97 de lugares de traballo, sendo necesario aumentar a iluminación.
A revisión do cumprimento en toda a área de traballo do R.D. 486/97 sobre as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, en especial o que se refire a espazos de traballo, superficie libre para cada traballador/a, volume non ocupado polo traballador/a e iluminación no posto de traballo.
A incorporación doutro equipo extintor dotado de CO2 e revisar a sinalización dos equipos extintores e realizar unha medición específica do ruído. E proporcionarlle a cada empregado/a unha ficha de seguridade de tóner e de aspirador con filtros para tóner.
Pois ben, a día de hoxe estas medidas previstas no plan de acción atópanse sen executar, polo que ante a falta de solución a estes problemas a CIG presentou unha denuncia perante a Inspección de Traballo para que se lle obrigue á Amtega a que cumpra a normativa en materia de prevención de riscos laborais e actúe con absoluta inmediatez para corrixir as graves deficiencias detectadas.