O delegado territorial da Xunta en Lugo manda mover a caravana das traballadoras da limpeza
A CIG quere amosar o seu malestar pola actitude mantida no día de hoxe tanto polo delegado territorial da Xunta de Galiza en Lugo, como pola alcaldesa da cidade, con respecto ás traballadoras da limpeza que levan máis dun en folga en demanda dun convenio digno.
As traballadoras instalaron na mañá deste martes unha caravana reivindicativa diante da explanada do edificio multiusos da Xunta co obxectivo de darlle visibilidade á súa loita e reclamar a intervención da administración autonómica.
Para levar adiante esta acción solicitáronse os permisos pertinentes e aínda que as traballadoras puideron iniciar a súa protesta sen ningún incidente, unhas horas despois, a policía autonómica ordenáballes retirar o vehículo da praza na que estaba estacionada e movelo cara unha zona de parada de taxis.
Coincide que esta praza está reservada e é de uso exclusivo para o delegado territorial da Xunta. "Dá a impresión de que a Javier Arias lle molestaba ver as traballadoras da limpeza facendo uso da súa praza para reivindicar algo tan xusto como un salario digno. Parece evidente que lle causa molestia a loita destas compañeiras", critica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos. Lamenta que se chegara mesmo á recorrer á policía autonómica para trasladar a caravana cando este corpo non ten competencias sobre tráfico
Para Castiñeira esta decisión é consecuente coa postura mantida até agora pola Xunta neste conflito, obviando a responsabilidade da administración galega a pesar de ser a principal contratista das empresas da limpeza que integran a patronal estatal ASPEL, que ten secuestrada a negociación e que pretende impor un convenio con táboas por debaixo do SMI e con recortes de dereitos.
Neste senso, a representante sindical subliña que a caravana non molestaba a ninguén e que o edificio conta con aparcamento soterrado con prazas reservadas para o persoal da Xunta das que podería facer uso Arias en caso de necesitalo.
Rexeitamento á ampliación dos servizos mínimos
Doutra banda, a CIG rexeita as declaracións realizadas este martes pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciando que se van ampliar os servizos mínimos nalgúns colexios. A central considera que son suficientes e non cabe estabelecer unha actividade maior xa que se estaría vulnerando o dereito fundamental á folga das traballadoras. "Menos aínda cando, á vista da actitude patronal, esta é a única ferramenta que lles queda ás traballadoras para conseguir unhas condicións de dignidade".
Incrementar os servizos mínimos, matiza Castiñeira, axudaría ademais a deixar sen efecto a folga, boicoteando así a loita que as traballadoras están sostendo dende hai máis dun mes, e sen recibir ningún apoio por parte das administracións.
A situación na que se atopan os colexios e o resto de dependencias públicas e privadas é consecuencia da falta de vontade da patronal de chegar a un acordo. Por iso, a solución a este conflito non pode ser conculcar os dereitos fundamentais das traballadoras, senón unha intervención decidida por parte das administracións para frear os abusos da patronal e reverter a precariedade nun sector considerado esencial e altamente feminizado.
Ás portas do 25 de Novembro de nada valen as grandilocuentes declaracións institucionais se despois se consinte que as empresas con beneficios millonarios manteñan na total precariedade ás traballadoras. Porque ter un convenio por debaixo do SMI tamén é violencia contra as mulleres.
O Encontro nacional de mulleres da CIG solidarízase coa loita das traballadoras da limpeza
ACIG celebrará este mércores día 22 en Lugo, o XIII Encontro nacional de mulleres no marco da campaña polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A central acordou trasladar este acto de debate e formación a Lugo en solidariedade coas compañeiras da limpeza e a loita que están a desenvolver pola mellora das súas condicións de traballo. Ao remate do encontro, ás 12 horas, as delegadas da CIG e as traballadoras en folga sairán en manifestación dende o edificio da Deputación até a sede da CEL.