O Decreto de mobilidade do persoal da Xunta favorece o “enchufismo” e a “discrecionalidade”
A Xunta de Galiza publicou no DOG deste luns, día 12 de setembro, o Decreto que regula os procedementos de mobilidade do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes públicos autonómicos. Esta regulación entra no miolo da organización do persoal ao servizo da Administración Autonómica ao procedimentar a maneira na que o funcionariado vai poder cambiar de posto de traballo. CIG-Administración Autonómica denuncia que chega tres anos e medio despois de pasar polas mesas de negociación e que favorece o “enchufismo” e a “discrecionalidade”.
A CIG-Autonómica lembra que daquelas, a Dirección Xeral da Función Pública fixera un "paripé" de negociación do texto, proposta que contou coa oposición frontal da CIG e do resto de organizacións sindicais, “por falta de diálogo e verdadeiro espírito negociador”, pois ningunha das alegacións ao texto fora recollida naquel momento.
Considera que, en xeral, é unha oportunidade perdida para regular aspectos que necesitan unha revisión -como as comisións de servizos-, e no que si entra é no concurso específico, que entende que é a verdadeira motivación deste decreto. O Decreto regula as tres maneiras de acceso ordinario aos postos da Administración por parte do persoal funcionario: libre designación, concurso ordinario e a modalidade que leva anos agardando, o concurso específico.
Esta última modalidade (basicamente para xefaturas de servizo, habilitacións e direccións de centros) ten, segundo a CIG-Autonómica, “un marcado carácter discrecional”. Constará dun baremo de méritos (55%) e valoración de capacidades a través de probas, test, memorias e mesmo entrevistas.
Sen control sindical
Denuncia ademais que no proceso de selección de cada posto intervirá unha comisión conformada polas persoas que decida a mesma consellería que ofrece o posto, sen control sindical. “Aos cinco anos do nomeamento haberá unha revisión, polo que veremos a moito xefe e xefa co cu apertadiño e compracente cos/coas superiores”.
A CIG-Autonómica explica que se menciona o concurso ordinario "permanente", pero “non compromete ni prazos para convocar os concursos nin prazos para a súa resolución”. Nese sentido lembran que o último concurso tardou tres anos en finalizar e que hai escalas que levan dez anos sen concurso. En canto a regulación da provisión de postos de maneira excepcional non toca nada do xa regulado no anterior decreto.
Comisións de servizo “a dedo”
Así, conclúe, “as comisións de servizo seguirán sendo adxudicadas a dedo, sen baremación e sen transparencia, con rebasamento do tempo máximo de dous anos para varias modalidades, sen problemas a realizar cruzamentos ou encadeamentos. O importante aquí para as persoas que teñen a responsabilidade política da Administración é.. que nada cambie”.
Tamén aproveita para meter no saco algo que non ten que ver en demasía coa mobilidade, como son as áreas funcionais que permiten identificar as peculiaridades laborais de cada praza e acadar máis puntuación para o concurso de méritos. En definitiva, “o que implica discrecionalidade, non cambia. O que implica independencia nas funcións, máis sometido. Unha oportunidade perdida”, lamenta.