O curso escolar 26/27 arrinca con cifras falsas de profesorado e múltiples incidencias nos centros

CIG-Ensino insta a Román Rodríguez a detallar onde están as 956 prazas máis este curso en Secundaria e as 1.600, en total, desde 2023 e contrástaas coas 591 adxudicacións provisionais máis respecto ao curso pasado
Nacional - 14 Set 2026

Maquillaxe de cifras, das que non hai transparencia porque non son reais, e múltiples incidencias nos centros derivadas de falta de persoal, sobre todo para atender á diversidade e desdobrar aulas, obras inacabadas ou deficiencias estruturais e redución da oferta formativa. Así comeza o curso académico nos centros educativos galegos, “moi lonxe da propaganda repetida día si e día tamén polo conselleiro de Educación”, segundo explicou, en rolda de prensa, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo quen comezou desenmascarando a suposta cifra de 956 docentes máis para secundaria ou 1600 máis desde 2023.

Para Arroxo, “o conselleiro debería ter un mínimo decoro e non dicir estas falsidades porque o profesorado galego sabe ben que os claustros apenas aumentaron nos últimos tres cursos, moitos incluso se reduciron”.

Neste sentido explicou que se se analiza a cifra de 1.600 docentes sería case unha media de un docente e medio máis por centro, cando neste tempo seguiron pechando escolas, os reforzos en infantil e primaria foron basicamente medias xornadas do Plan Mega ou Proa, que a Consellaría computa como unha praza enteira, e que lles sae a custe cero porque están financiadas por fondos europeos e hai múltiples centros como os centros integrados de Formación Profesional, as Escolas de Idiomas, Conservatorios e Escolas de Artes onde non houbo apenas incremento de persoal neste curso ou mesmo se reduciu (un 30% de adxudicacións provisionais menos en Conservatorios e un 13% menos en EOI), indicou.

Análise dos datos en secundaria

Con respecto a secundaria, que é onde se agardaría ese incremento pola redución do horario lectivo de 20 a 18 horas, a comparativa da adxudicación definitiva de destinos provisionais deste curso, fronte ao pasado, como se pode ver na web da Consellaría, é de só 535 vacantes máis, pasando de 4.310 a 4.845.

“Estes datos non significan realmente que haxa ese profesorado a maiores porque moitas vacante son de profesorado definitivo que ten comisión de servizos e está nun centro provisional este curso (un total de 479 en secundaria, a cifra máis alta dos últimos anos), polo que o conselleiro ten que detallar a onde foron asignados eses supostos 956 docentes máis porque desde os centros trasládannos que apenas houbo incrementos do cupo ou nalgún caso que mesmo se reduciu”, explicou Arroxo.

A secretaria nacional de CIG-Ensino matizou, ademais, que hai outra trampa que fai a Consellaría porque aínda que é certo que aumenta o número de profesorado interino e substituto, “á vez diminúe o funcionariado en prácticas que aprobou as oposicións ou non se cobren xubilacións ou quedaron desertas prazas no concurso de traslados polo que esas prazas, que xa existían o curso pasado, cóbrense como interinidades”.

Por iso alertou sobre a necesidade de analizar de forma urxente o que está pasando nas oposicións docentes porque as cifras son cada vez máis alarmantes. Este curso o funcionariado en prácticas das especialidades de Secundaria e FP é un 18% menor que o ano pasado (610 fronte a 752) e un 46% menos que en 2021 cando esta cifra chegou a 1.317.

Hai tamén outro fenómeno que vai en aumento e que redunda nun empeoramento da calidade educativa, tan entredito estes días despois da publicación do Informe PISA. Trátase do número de vacantes que se adxudicaron con afíns (96 máis), isto é, que son para unha especialidade pero cuxo docente terá que impartir materias ou módulos doutras, ou con ámbitos da FP básica (92 máis).

Sobre esta cuestión, Arroxo explicou que “está pasando que profesorado de Matemáticas está dando inglés, por exemplo, e aínda que teña un B2 non parece a priori o perfil máis acaído se non ten formación filolóxica”. Case a terceira parte das prazas provisionais non son “limpas” e este é un dos maiores cambios nos últimos 16 anos, dado que ese profesorado agora ten que impartir afíns, ámbitos, itinerar entre centros ou ten perfil bilingüe, o que supón unha maior esixencia para a preparación das clases e un empeoramento nas súas condicións laborais que ninguén na Consellaría se parou a analizar.

Análise dos datos en Infantil e Primaria

No caso de Infantil e Primaria a comparativa das vacantes provisionais adxudicadas este curso con respecto ao pasado deixa só 56 máis, cun incremento moi notábel das prazas bilingües, un 31,5% máis, outra das apostas educativas da Consellaría que non foi avaliada como corresponde nos últimos anos.

Ademais, aínda que baixa a porcentaxe das vacantes que teñen afíns e itinerancias, aínda suman unha cantidade importante, 448 e 290, ou o que é o mesmo, un 11% dos mestres e mestras adxudicados imparten dentro do seu horario outra especialidade e un 17% itineran entre varios centros. Destaca especialmente o amplo número de prazas itinerantes en Orientación, un 61% do total, “algo que a ninguén se lle escapa que ten unha incidencia moi negativa no labor que poden realizar estas profesionais”, afirmou.

Dentro das especialidades do corpo de mestras, increméntase o número de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, que está directamente relacionado co Plan Mega, mentres que baixa en 114 as vacantes adxudicadas na especialidade de Primaria, especialmente castigada nos últimos anos, e en 11 as da especialidade de Música.

Análise dos datos na atención á diversidade

Outro dos anuncios repetidos até a saciedade pola Xunta foi a posta en marcha dun Plan de impulso da atención á diversidade que tamén quedou en faíscas. As 150 prazas que supostamente se van estabilizar de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe están pendentes de que se cubran mediante o Concurso Xeral de Traslados deste ano porque, tal e como denunciara a CIG-Ensino, xa era profesorado que estaba por riba de catálogo nos centros. As vacantes provisionais outorgadas este ano non están relacionadas, polo tanto, con este anuncio.

No tocante ás 100 prazas destes especialistas para Secundaria é onde está o incumprimento máis clamoroso, dado que tiñan que ter saído no Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais e a diferenza con respecto ao ano pasado é de só 5. De aí que a secretaria nacional da CIG-Ensino lle esixa a Román Rodríguez “poñer luz sobre a propaganda e revelar unha por unha en que centros están estes especialistas pantasma”.

Sobre as 50 novas praza de Orientación en Secundaria, á CIG-Ensino tampouco lles saen todas as contas, dado que no CADP só houbo 45 adxudicacións máis que o ano pasado “e, aínda así, son a todas luces insuficientes para os 311 centros en todo o país con estas ensinanzas polo que seguimos moi lonxe da ratio de 250 estudantes por cada profesional de Orientación”.

Ademais, a Xunta discrimina o rural porque practicamente ningunha destas prazas se adxudicaron en Lugo e en Ourense polo que a CIG-Ensino puido coñecer até o momento, nin tampouco noutras ensinanzas como as de réxime especial onde é preciso contar con este tipo de profesionais.

Vacantes sen cubrir

Se a menos de 24 horas do inicio de curso a CIG-Ensino denunciaba que quedaban 1.150 vacantes sen cubrir, tres días lectivos despois hai ensinanzas nas que practicamente non empezaron os chamamentos como na FP e nas ensinanzas de réxime especial. “Está claro que o que menos lle interesa á Consellaría é a atención do alumnado. Négase a un comezo escalonado como lle pide a CIG-Ensino cando se negocia o calendario escolar e agora ten o alumnado sen profesorado até dúas semanas ou mesmo un mes sen docentes. Nalgún caso vai precisar abrir listaxes porque non hai persoas para substituír como da especialidade Taller de Vidro e Cerámica que precisan no CEE López Navalón de Compostela”, Subliñou Arroxo.

A primeira hora desta mañá había un total de 334 vacantes sen cubrir, das cales 4 pertencen ao corpo de mestras, 250 ao corpo de profesorado de ensino secundario, 6 ao corpo de profesorado especialista de sectores singulares da FP, 31 son para traballar en Conservatorios, 7 son para traballar en escolas de artes e 36 en EOI.

Múltiples incidencias

A CIG-Ensino aínda non ten unha radiografía completa de todo o que está acontecendo nos centros “porque é imposíbel contactar con todos e porque van xurdindo incidencias cada día que nos fan actuar e presionar ás  Xefaturas de Inspección provinciais para que se resolvan”.

Con todo, algúns casos máis relevante son, segundo apuntou Arroxo, os de Melide e Begonte, onde as familias tomaron a drástica medida de non enviar o alumnado a clase pola falta de persoal, no primeiro caso, e pola non autorización de desdobres, no segundo. Unha situación que se repite noutros moitos puntos do país aínda que non se visibilizara publicamente, ao igual que as protestas por obras inacabadas e infraestruturas moi deficientes.

A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Ensino explicou que están recollendo todas estas incidencias pero que xa se detectaron problemas similares na comarca de Ferrol no CEIP Mosteiro de Caaveiro, nos CEIP de Esteiro, de Ponzos e de Pazos en Ferrol, no CEIP A Gándara (Narón), no CEIP Santa María (As Pontes), e nos IES As Telleiras (Narón), IES Sofía Casanova e CIFP Ferrolterra de Ferrol, no IES de Fene e no IES Castro da Uz das Pontes.

Na provincia de Lugo hai constancia de falta de persoal, ademais de en Begonte, no CEIP de Guntín e unha redución da oferta formativa na FP (IES Lois Peña Novo de Vilalba e IES Sanxillao de Lugo) ou a posta en marcha de programas formativos sen ningún tipo de material nin recursos como no CEE Santa María.

En Ourense caeu un falso teito dunha aula nova de infantil no CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro e, aínda que non houbo que lamentar danos persoais, desde a CIG-Ensino esixen á Xefatura Territorial que poña todas as medidas necesarias para que non haxa que lamentar ningunha situación de risco semellante para a comunidade educativa.

A provincia, que adoece dunha caída drástica de natalidade, veu como este ano perdeu na adxudicación deste curso unha decena de mestras e faltan especialistas para atender á diversidade como no caso do CEIP Mariñamansa que precisa un PT ou non se autorizan os desdobres necesarios para non superar a ratio legal como no CEIP de Seixalbo. Así mesmo, critícase que mentres se demora a construción do instituto público de Pereiro de Aguiar se manteñen dous concertos privados no mesmo concello.

Pola súa banda, na comarca da Coruña hai protestas pola retirada do tellado con amianto unha vez iniciado o curso e non durante o verán, o que levou ao profesorado a concentrarse no IES Menéndez Pidal-Zalaeta. Unha situación que pode repetirse no CEIP Sal Lence. Xunto a isto, tamén se referiu aos problemas coas obras nos centros da capital CEIP de Prácticas, no Ánxel Casal, no Virxe do Portal e no CIFP Imaxe e Son; no CEIP Barrié de la Maza de Sada; no CPI O Cruce de Cerceda, no CEIP O Areal de Camariñas, no IES de Pastoriza en Arteixo e no IES Eduardo Pondal de Ponteceso.

Na comarca de Compostela, ademais do caso do CEIP Pastor Barral de Melide, falta persoal de Orientación a tempo completo no CPI Os Dices de Rois. Alén diso reduciuse a oferta formativa de FP no IES de Arzúa, no IES Lamas de Abade, no CIFP Politécnico de Santiago e no IES de Ames, neste último caso comunicándollo ao centro xa no mes de setembro. No tema das obras as que máis polémica están xerando son as do CEIP Quiroga Palacios de Compostela.

Na provincia de Pontevedra, o caso máis sangrante é o do IES Pedro Floriani de Redondela, que afrontou a implantación dun novo ciclo de FP básica sen máis profesorado e ao que non lle concederon o PT que demandaban, o mesmo especialista que solicitan desde o CEIP Xoaquín Loriga de Prado en Lalín.

Ademais, pídese a urxente actuación no IES Frei Martín Sarmiento na capital que precisa dunha reforma integral e denúnciase a supresión de dous ciclos no IES Armando Cotarelo Valledor e doutro en Valga.

Na área de Vigo hai cinco casos de centros con diversas problemáticas de falta de persoal: non contar cos apoios suficientes en infantil, recortes de PT e AL con respecto ao curso pasado… e obras no CEIP Carballal-Cabral e no IES República Oriental do Uruguai que non remataron a tempo para o inicio de curso. No IES de Teis o departamento de Informática denunciou que con dous docentes menos non poden asumir todo o labor de mantemento do equipamento informático do centro. 

En xeral, a CIG-Ensino constatou moitas irregularidades nas adxudicacións do corpo de mestras que cando chegaron aos centros só tiñan horario da especialidade afín e non da súa propia ou mesmo funcionarias en prácticas ás que lle deron de oficio por inglés cando a norma non o permite. Tamén hai protestas de IES nos que se supera a ratio do Bacharelato ou na ESO. Ademais hai múltiples problemáticas tamén no que ten a ver con falta de praza nos comedores escolares e co transporte que afectan ao correcto funcionamento dos centros en toda Galiza e sobre todo non garanten unha atención en igualdade de todo o alumnado.