O curso comeza con conflitividade: o recorte de dereitos do profesorado consolídase
O curso escolar 2024-25 arrincou con conflitividade ante a consolidación dos recortes de dereitos e a falta de resposta da Consellaría de Educación ás principais demandas do profesorado. A CIG-Ensino convocou unha mobilización de delegados/as nas instalacións de San Caetano coincidindo coa volta ás aulas para denunciar “a propaganda e as mentiras” do “camiño novo” anunciado pola Administración, que “non é máis que o continuísmo das vellas políticas”.
A central sindical critica que a Consellaría comezase o curso “cun desaforado intento de vender como novidosa o que é unha práctica totalmente continuísta no deseño da súa política educativa”. De xeito que “lonxe de encetar un camiño novo, ou unha maior modernización do sistema educativo galego”, todas as novidades que se coñecen dende xullo apuntan na mesma dirección: consolidación dos recortes de dereitos do profesorado, incumprimento dos escasos avances que se daban no acordo asinado coa minoría sindical e mantemento dunha política de parches para a atención educativa, no canto de fortalecer estruturalmente os cadros de persoal dos centros”.
Todo acompañado cunha “estratexia de confusión” na comunicación que pretende vender creación de postos de traballo ou de unidades con “datos falseados”. Máis o certo é que as principais demandas do profesorado seguen sen atenderse: recuperación do horario lectivo; redución de ratios; eliminación e redución da burocracia; improvisación e falta de negociación na reforma da FP; pacto pola lingua; equiparación salarial e recuperación do pagamento do verán ao persoal substituto; estabilidade laboral mediante ofertas amplas de vacantes, tanto de concurso de traslados como de prazas de oposicións; e estabilidade para o profesorado interino.
Así mesmo, tal e como se pode comprobar estes días e como denuncian as ANPAS, hai múltiples centros que non viron atendidas as súas demandas, sobre todo de persoal para a atención á diversidade. “Malia isto, nalgúns casos a Administración intenta vender que se trata de contratos novos, cando a maioría son programas financiados con fondos da UE e do Ministerio de Educación”.