A CIG convoca mobilizacións contra a política represiva da empresa Atunlo O Grove co seu cadro de persoal
A CIG do Salnés anunciou hoxe en rolda de prensa xunto á representación da central sindical no comité de empresa de Atunlo O Grove a convocatoria de mobilizacións para rexeitar a política represiva que mantén a dirección co seu cadro de persoal a pesar das sentenzas favorábeis ás afectadas que obtivo o departamento xurídico do sindicato. Dende a CIG chaman a todas as traballadoras/es a participar na concentración que terá lugar diante da compañía o vindeiro mércores día 13 entre as 13:00 e as 15:00 horas.
Na comparecencia diante dos medios de comunicación explicaron que Atunlo, empresa dedicada á limpeza de peixe cun cadro de persoal dunhas 200 persoas no centro de traballo do Grove, mantén dende hai meses unha política de advertencias, sancións e mesmo despidos cara ao persoal da zona da 'lomera', que se encarga de limpar os lombos de atún. A práctica represiva baséase na aplicación perniciosa dunha prima creada hai varios para premiar a produtividade e mellorar os salarios, que dende finais de 2020 a empresa está a utilizar como método de control para sancionar.
“Fano de xeito progresivo, primeiro mediante advertencias, logo con sancións de tres días de emprego e soldo e finalmente con despidos disciplinarios”, explica Mar Vila, da CIG-Salnés. Diante disto, o comité de empresa, presidido pola CIG, intentou mediar coa dirección para que puxese fin a estas prácticas, ao tempo que o departamento xurídico da central sindical presentaba recursos xudiciais contra as sancións e os despidos, cuxas sentenzas favorábeis se veñen de coñecer agora.
“Non se pode permitir que un método excepcional de advertencias e sancións se use de xeito indiscriminado, provocando incluso graves consecuencias na saúde das persoas traballadoras afectadas, a maioría delas mulleres”, denuncia. En consecuencia, das 130 persoas que traballan na zona da 'lomera' na actualidade hai 53 de baixa médica (arredor dun 30%).
Máis presión
Vila indica que logo da primeira sentenza -contra a que o xuíz non permite a posibilidade de presentar recurso, ao igual que nas posteriores- a empresa intentou adaptar o mecanismo represivo para adaptalo á decisión xudicial coa intención de evitar máis reveses nos xulgados, “pero non o conseguiu porque despois chegaron outras sentenzas na súa contra”. Ademais, a dirección “incumpriu a súa palabra”, xa que despois desa primeira sentenza solicitou suspender os xuízos pendentes para chegar a acordos, “mais seguiu a aumentar a presión sobre o persoal, polo que está claro que o fixeron para intentar gañar tempo”.
Diante disto, dende a CIG esíxenlle a Atunlo O Grove que cese nesta política de represión, “porque o único que queren as persoas traballadoras e ir tranquilas ao seu posto”, e fan un chamamento ao conxunto do cadro de persoal a participar na mobilización do mércores 13 para deixarlle claro á dirección que non van permitir “que se xogue cos dereitos e coa saúde” das empregadas/os.