O convenio de Comercio de Elementos do Metal de Ourense fixa incremento salarial e melloras sociais
O convenio de comercio de elementos do metal da provincia de Ourense asinado o pasado 10 de maio fixa unha suba salarial importante e incorpora melloras sociais, como un permiso retribuído de asistencia a consulta médica.
O acordo, avalado polas centrais máis representativas do sector -CIG e UGT-, estará vixente até o remate de 2021 e contempla un incremento salarial media de 105 euros mensuais con respecto a 2019. Isto supón, ademais, un aumento do plus de antigüidade e das tres pagas extras. En consecuencia, os traballadores/as cunha antigüidade de catro anos na empresa cobrarán 1735,65 euros anuais máis que en 2019, o que significa que cada mes ingresarán 144,63 euros máis na súa nómina.
Dende a CIG-Servizos de Ourense salientan tamén que o convenio incorpora algunhas melloras sociais, como incluír como permiso retribuído a asistencia a consulta médica, “xa que até o de agora non se establecía por convenio”, ou mesmo o acompañamento ao médico/a de persoas ascendentes de primeiro grao.
Finalmente, indican que tendo en conta a actual situación de crise sanitaria, social e económica provocada pola covid-19 valoran moi positivamente o resultado da negociación, xa que permitiu actualizar os soldos e incorporar melloras sociais.