O Consorcio de Igualdade e Benestar e a Xunta privatizan a residencia de maiores de Cerdedo
A nova residencia de Cerdedo anexa á que xa está en funcionamento e que leva rematada desde novembro de 2021 vai cambiar o modelo de xestión e pasa a privatizar os seus servizos. Así o denuncia a CIG-Administración Autonómica, afirmando que “o compromiso adquirido polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de prestar atención a usuarios e usuarias de forma directa “esfúmase”.
En maio de 2019, logo dunha concentración das traballadoras da residencia solicitando un modelo de xestión público para o centro residencial, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, adquiriu o compromiso do modelo de xestión pública para esta residencia, tal e como tamén se recolle na páxina do consorcio e en medios de prensa.
Lonxe disto, o pasado 5 de agosto, a Xunta de Galiza publicaba no seu Portal de Transparencia e Goberno Aberto, (aberto á privatización) a licitación do servizo asistencial de atención diúrna e atención residencial nos centros de día de Cambados, Cuntis, Redondela, Centro Residencial de Redondela, (que sempre tiveron unha xestión indirecta) e a miniresidencia de Cerdedo (construída coma unha ampliación da que xa presta servizos de atención directa cen por cen públicos).
Modelo ultraprivatizador dos servizos sociais
Segundo explica a CIG-Administración Autonómica, na memoria xustificativa do contrato, a desculpa do Consorcio e da Xunta “para meterlle na man os seus amigos/as a xestión da residencia de Cerdedo, e os demais centros, é propor unha xestión mediante unha fórmula que permita combinar ambas as dúas encomendas que a Lei de Servizos Sociais propón para a xestión deste tipo de servizos. Así, esta fórmula cumpre cos criterios de xestión e intervención interinstitucional e suporá o mellor control da calidade, eficacia e eficiencia na xestión dos servizos sociais, así como un aforro nos custos respecto da xestión directa”.
Entende que o anteriormente exposto non se sostén. “Quere dicir que o barato sae caro, e que ese prezo é o que hai que pagar polo modelo ultraprivatizador dos servizos sociais, xerando á vez precariedade nas atencións que se prestan as/os nosos maiores e as/os propios traballadoras, como se puido comprobar nestes anos de pandemia onde se produciu unha porcentaxe bastante máis elevada de mortes nas residencias de xestión privada que nas de xestión pública”.
Por outra banda no informe de insuficiencia de medios o Consorcio xustifica o inxustificable, “De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico o Consorcio non conta con medios persoais suficientes para a prestación deste servizo e non é posible nestes momentos ampliar o seu cadro de persoal nin pola natureza da prestación cabe acudir á autoprovisión doutros órganos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma.
Fronte a isto lembran que o Consorcio “ten as súas propias listas de contratación, non transparentes, pero ten, e nunca fixo nada para solucionar esta carencia de persoal cando as listas se esgotaban. E máis sinxelo darlle o negocio os que peor xestionaron a atención dos nosos maiores” e exixen que se paralice a adxudicación dos centros privatizados e non se engadan máis os que xa hai.