O Consello Galego de Pesca asume, a proposta da CIG, a declaración da "Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños"
A proposta da CIG, na reunión de onte luns, o pleno do Consello Galego de Pesca asumiu de maneira unánime á declaración da "Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños" realizada o pasado 1 de marzo dende a lonxa da Coruña, pedindo a retirada do Real Decreto polo que se aproban os POEM, que se respecte a actividade pesqueira e os ecosistemas e que se traballe a todos os niveis para dispoñer da información máis axustada para acometer a ordenación dos espazos mariños.
Os sectores representados no Consello Galego de Pesca tamén acordaron trasladar o seu apoio á mobilización que a Plataforma ten convocada para o próximo sábado, 11 de marzo, diante da Delegación do Goberno na Coruña, ás 12h; e á que posteriormente realizará en Asturias.
Na reunión do Consello Galego de Pesca, a instancias da CIG, debateuse sobre as consecuencias que para Galiza, para o sector do mar e para o conxunto da poboación que vive nas nosas costas ten a aprobación, por parte do Goberno español, dos plans de ordenamento do espazo mariño, polo risco que supoñen para a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños.
A CIG xa formulara unha proposta similar durante o plenario sindical organizado o pasado sábado en Viana do Castelo polo Sindicato dos Trabalhadores da Pesca do Norte (STPN), xa que a costa galega e a portuguesa se enfrontan á mesma situación de risco para o mantemento da actividade pesqueira, a preservación da biodiversidade e os usos tradicionais das nosas costas.
A CIG considera que o actual modelo de implantación de enerxías renovábeis carece dun desenvolvemento ordenado, racional ou planificado, e non obedece ás necesidades do país, nin respecta ás persoas nin o medio ambiente. Pola contra, reforza a concentración do poder da produción e da distribución de electricidade en mans de multinacionais foráneas da enerxía que se lucran a conta de espoliar o territorio e asoballar o pobo galego.
Neste contexto, a CIG agarda que o presidente da Xunta de Galiza asuma a postura do Consello Galego de Pesca e abandone a ambigüidade na que está instalada ante a ofensiva que a eólica mariña constitúe para o noso sector do mar.