O Consello Federal da CIG-Ensino aposta pola acción sindical contra os recortes
Esta mañá tivo lugar a reunión do Consello Federal da CIG-Ensino para concretar a acción sindical para este primeiro trimestre do curso escolar no que se destaca a preocupación polos recortes levados a cabo pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e pola precariedade no ensino público.
A conflitividade no comezo do curso estivo protagonizada polo recorte do cadro de persoal docente e de desdobres, pola restrición do dereito do alumnado a optar por determinadas materias, con menos de cinco alumnos e alumnas matriculadas, pola limitación para cursar a Educación Secundaria para persoas Adultas e o aumento da precariedade, en xeral, no ensino público.
A conflitividade no comezo do curso vén marcada polos recortes de profesorado
O sindicato segue a denunciar a negativa de Educación a autorizar contratación de profesorado en institutos, malia existiren necesidades perfectamente xustificadas como no IES de Poio, no IES Bouza Brey (Vilagarcía) ou no IES Miraflores (Oleiros). A situación é igualmente preocupante nos centros de Infantil e Primaria nos que mesmo non se cobren as prazas de docentes definitivos, con recortes de profesorado de AL e PT, o que dá boa mostra do desinterese da administración pola atención á diversidade.
A CIG-Ensino vén tamén de reiterar á Consellaría a demanda de rectificación da limitación de chamamentos de substitución no corpo de mestres a un único día na semana. Deste xeito, e exceptuando o caso de escolas unitarias, a decisión implica que poida haber aulas sen profesorado substituto durante unha semana enteira, con aquelas baixas que se soliciten entre o mércores o martes. Urxe unha rectificación inmediata.
Acción sindical para o primeiro trimestre
O sindicato está levando a cabo dende principio de curso un achegamento presencial a todas as funcionarias e funcionarios en prácticas, apostando polo contacto directo como seguranza de que sexan resoltas todas as dúbidas que poidan ter no seu inicio como funcionariado docente. Esta acción está tendo un gran acollemento por parte dos destinatarios e seguirase realizando até chegar ao 100% dos docentes nesta situación.
As mobilizacións e concentracións están sendo tamén as protagonistas do inicio do curso como ferramenta reivindicativa que está dando algúns froitos positivos como a rectificación que a Consellaría fixo en recortes de profesorado e desdobres, mais que son para o sindicato claramente insuficientes. “A CIG-Ensino seguirá instando ás equipas directivas e profesorado en xeral así como ao conxunto da comunidade educativa, a seguir denunciando e non cesar nas reclamacións contra a desfeita que se está provocando dende a Administración e apoiando e dando soporte a todas as accións reivindicativas en defensa da mellora do servizo público que prestamos” insiste o secretario nacional da CIG-Ensino.
Desenvolvemento da LOMLOE e da nova lei de FP
A actualidade no desenvolvemento da LOMLOE tamén centrou parte do debate, pola recente presentación da proposta de ordenación académica das etapas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato e pola aprobación polo Goberno do Estado da nova lei de Formación Profesional, nunha aposta pola formación dual coa que a CIG se mostrou crítica na súa tramitación, ao incidir na vía da privatización da Formación Profesional, ampliando o papel que xogan as empresas no currículo e avaliación. Para a CIG-Ensino será un tema central a futura solución que se lle dea ao profesorado técnico de FP, logo de conseguirmos algunhas melloras no proxecto de lei que entendemos que non dan resposta completa ás demandas do colectivo e que o sindicato apoia. Aspectos como a futura negociación dun Estatuto Docente tamén estiveron enriba da mesa.
A reforma do EBEP
O Real Decreto-lei 14/2021, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público foi un tema importante a tratar na reunión de hoxe ao ser unha preocupación do sindicato pola repercusión que ten para o colectivo de docentes interinos.
A CIG-Ensino mantén a oposición á taxa de reposición que presenta a norma xeral, insistindo na necesidade dun marco sancionador contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade e na necesidade de estabelecer medidas reparadoras co persoal interino que é ou foi vítima do abuso na contratación temporal.
O sindicato pide que se respecte a este colectivo coa negociación de procesos de consolidación, e non de falsa estabilización e que non se limite a capacidade do sector educativo no ámbito galego a poder chegar a acordos de estabilidade que realmente dean unha resposta adaptada tanto ao sector docente, dentro do marco xeral da función pública, como á realidade específica do profesorado galego.