O Consello de Seguridade Nuclear xa tramita a denuncia da CIG polo retraso nas medicións de radón nos xulgados galegos

O sindicato denuncia que a Xunta continúa sen facilitar os resultados das medicións de 2024 e reclama actuacións urxentes para protexer a saúde laboral do persoal de Xustiza
Nacional - 18 Mai 2026

A CIG confirma que o Consello de Seguridade Nuclear xa tramita a denuncia presentada polo retraso no traslado dos resultados das medicións de radón efectuadas en distintos edificios xudiciais galegos das catro provincias galegas. O sindicato advirte da preocupación existente entre o persoal pola falta de información e reclama que se adopten medidas inmediatas no caso de detectarse niveis perigosos deste gas radioactivo.

A central sindical presentou o pasado 25 de marzo  unha denuncia diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social pola demora na entrega das medicións efectuadas en setembro de 2024 en distintos edificios xudiciais, entre eles os de Marín, Ribadavia e Noia, así como no Tribunal Superior de Xustiza e nas catro Audiencias Provinciais.

Segundo recolle a denuncia, os detectores foron colocados en setembro de 2024 e foron retirados en marzo de 2025, dentro dun plan impulsado pola Dirección Xeral de Xustiza para avaliar a presenza deste gas en edificios xudiciais galegos. Porén, a finais de marzo de 2026 seguían sen trasladarse os resultados ao Comité de Seguridade e Saúde laboral, mantendo unha situación de “incerteza e posible risco” para a saúde laboral do persoal afectado.

Actuacións urxentes

Ante esta situación, a CIG reclamou á Inspección de Traballo actuacións urxentes e o cumprimento das obrigas legais en materia de prevención de riscos laborais e protección da saúde do persoal da Administración de Xustiza.

Na xornada de hoxe, o propio Consello de Seguridade Nuclear vén de confirmar a recepción da documentación remitida pola Inspección de Traballo, quedando agora o sindicato á espera das actuacións e informacións que poidan derivarse da intervención do organismo competente, dada a relevancia destes resultados e a súa posible afectación á saúde das traballadoras e traballadores da Administración de Xustiza.