O Consello Confederal da CIG acorda reforzar a loita pola recuperación de dereitos laborais, salariais e sociais
A CIG reuniu este venres, por vez primeira tras do seu VII Congreso, ao Consello Confederal. Unha xuntanza na que se acordou, entre outras cuestións, manter conxeladas as cotas sindicais para 2018, mais na que tamén se abordaron as liñas de traballo para os próximos meses en materia de acción sindical, negociación colectiva e organización. Xunto a isto avanzouse no debate relativo ao paro de mulleres, previsto para o 8 de marzo, e acordouse refozar a campaña para a recuperación de dereitos, entre outros.
No relativo a Organización o Consello Confederal fixouse como obxectivo para o ano que vén afrontar as eleccións sindicais para afianzar o avance da CIG como primeira central sindical. Canda isto, acordouse facer un especial esforzo para seguir incrementando a afiliación, para seguir medrando en organización, en introducción social e en capacidade económica e, nomeadamente, para manter a independencia necesaria para manter o modelo sindical que a CIG representa.
Acordouse tamén pór en marcha a Comisión de Comunicación, para incrementar a capacidade da central sindical para facer chegar a mensaxe e as alternativas en todos os ámbitos.
Ademais decidiu establecer un calendario de formación para as delegadas e delegados, entendendo que esta é esencial para achegar ás traballadoras e traballadores unha interpretación da realidade que vaia máis alá do conflito concreto e desde unha perspectiva de clase e nacional que posibilite avanzar na toma de conciencia da clase traballadora galega.
Folga de mulleres
O Consello Confederal continuou co debate iniciado no III Encontro de Mulleres da CIG e acordou comezar a traballar para que a folga xeral de mulleres do vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, sexa un éxito.
Unha folga que permita visibilizar a situación que padecen as mulleres, para esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e o fin das discriminacións laborais (fenda salarial, chan pegañento, atrancos nos dereitos de conciliación, acoso laboral, sexual e por razón de sexo e identidade, xornadas parciais, dobre xornada, etc), mais tamén para que se adopten medidas inmediatas para rematar coa violencia machista (sexual, agresións, feminicidios) e o resto de discriminacións.
Negociación colectiva
O Consello Confederal aprobou ademais o documento de negociación colectiva que sintetiza as liñas, alternativas e propostas da CIG para o ano que vén, co obxectivo de mellorar os métodos de traballo mais tamén facer fronte á centralización á que estamos asistindo. A este respecto lembrouse o ocorrido co Convenio de Construción de Pontevedra, que tirou por terra unha sentenza xudicial logo de que a patronal de Madrid pasara por riba da patronal provincial substituíndoa e comparecendo no xulgado para revocalo.
Un exemplo que constata esa centralización coa se pretende impedir afianzar un Marco Galego de Relacións Laborais e que constata como está disposta a patronal a xogar para forzar esa involución.
Acción sindical
En materia de acción sindical o Consello abordou a campaña de recuperación de dereitos, que considerou imprescindíbel seguir mantendo nos diferentes sectores, vinculada á negociación colectiva. Unha campaña a desenvolver empresa a empresa, sector a sector, para combater o empobrecemento da clase traballadora galega e para loitar pola recuperación de dereitos laborais, salariais e sociais.
Acordouse tamén continuar o traballo arredor da ILP contra a eucaliptización de Galiza e para loitar contra os lumes forestais, impulsada por máis de 60 colectivos, entre eles a CIG, como resposta á política forestal e de abandono do rural do Partido Popular.
Do mesmo xeito, subliñouse a necesidade de dar continuidade á ILP por unha tarifa eléctrica galega despois do día 4 de decembro, tanto coa mobilización prevista para o día 18 na Coruña das empresas afectadas pola subasta de interrompibilidade, mais tamén presentando iniciativas para combater a pobreza enerxética.
Ademais anunciouse que está en marcha a definición dunha campaña do colectivo de xubilados e pensionistas para denunciar as consecuencias dos recortes en materia de dependencia, pola situación de desprotección e desatención na que deixa a administración a este colectivo.
Xunto a isto anunciáronse tamén as mobilizacións que se van promover a través de SOS Sanidade Pública en defensa do sistema público e fronte os intentos privatizadores que o PP introduce a través da Lei de Sanidade Pública.
Mobilizacións no sector público
O Consello Confederal acordou facer seguimento e apoiar a folga que está levando a cabo o persoal do sector de Xustiza e abordou a resposta sindical a dar na área pública ao Pacto de Estabilidade asinado por CCOO, UGT e CSIF. A este respecto considerouse que estamos diante dun cambio de ciclo no que estas organizacións sindicais están dispostas a darlle un cheque en branco ao PP e valorouse como un outro retroceso no marco das relacións laborais, porque sitúa o ámbito de negociación fóra de Galiza, xa que é consecuencia dun Pacto asinado en Madrid que se trasladou mimeticamente simplemente traducido ao galego.
Industria 4.0
Na xuntanza decidiuse a posta en marcha dos documentos para abordar nunhas xornadas o debate que permita fixar a posición e as alternativas da CIG fronte á denominada Industria 4.0, da dixitalización e robotización da economía, e as consecuencias que isto terá para a clase traballadora.