Manterán a folga en Maderas Iglesias mentres non se negocie o convenio e cobren os salarios
As traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias non aceptan a pretensión da Xunta de desconvocar a folga mentres non se abra unha vía de negociación do convenio colectivo e cobren os seus salarios. Exixen ademais que a administración negocie directamente coas entidades bancarias -que son as que están poñendo trabas- para que se garanta a viabilidade da empresa. Así o manifestaron na xuntanza celebrada a última hora da tarde deste mércores co conselleiro de Industria, ao que solicitaron que encabece persoalmente as negociacións.
Segundo explica Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, a consellaría de Industria arrincou a xuntanza insistindo en que até o de agora fixeran todo o que se podía facer. “Nós insistímoslles en que non, porque a situación que temos non é por casualidade”.
Mediación do Consello Galego de Relacións Laborais
A consellaría anunciou ademais que vai a haber unha mediación que se abrirá a finais desta semana, ou a principios da que vén, no Consello galego de Relacións Laborais. Os contactos para iniciar esa mediación comezarán hoxe e por parte das traballadoras e traballadores enténdese que mañá debería de celebrarse xa a primeira xuntanza, aínda que o CGRL falará primeiro co empresario.
Con todo, Xulio Vicente insiste en que por parte do persoal acéptase negociar pero “temos claro por onde pasan as negociacións. A situación é grave, moi complicada e quen ten que encabezar esta negociación é o conselleiro, non o IGAPE, porque non hai ningunha empresa no país con esta identidade e que teña os problemas que ten esta empresa”. Por iso piden que “tome as rendas deste conflito e sexa quen o arbitre”.
Xunto a isto entende que debe haber dúas vías de negociación, unha no CGRL coas traballadoras e taballadores para buscar unha saída ao conflito e outra de mediación da Xunta, coa empresa e coas entidades bancarias en busca dun posible grupo inversor, porque “para garantir a viabilidade da empresa ten que haber algún tipo de financiamento”.
Proxecto de viabilidade
A este respecto, o representante da CIG-Construción lembra que no mes de maio había un grupo inversor cun proxecto de viabilidade e de futuro para a empresa pero que “non se chegou a acordo con ese grupo porque as entidades financeiras vetaron esa posibilidade por falta de acordo entre elas e coa empresa”.
Xulio Vicente chama a atención sobre o feito de que fose Abanca unha das entidades que non chegaran a acordo. “Hoxe é unha entidade privada que está tendo beneficios que non redundan no noso tecido produtivo, poñendo en perigo a viabilidade dunha empresa”, lamenta.
Con este pano de fondo explica que, por iso, entenden que a Xunta non fixo todo o que debía facer e rexeita a demanda da consellaría de desconvocar a folga para abrir novas negociacións. “Nós non imos desconvocar a folga até que a xente cobre os salarios e se senten as bases para unha negociación do convenio. Seguimos pondo enriba da mesa que levamos nove anos co convenio paralizado e cunha conxelación salarial durante todo ese tempo”.
As traballadoras e traballadores consideran que fixeron “todo o que tiñamos que facer para a supervivencia da empresa. Aquí quen non estivo á altura foron a empresa e a administración que son quen teñen que mover ficha”.
Alcaldes da comarca
Xulio Vicente asegura que nese mesmo sentido se expresaron os alcaldes da comarca que subliñaron que “ten que ser unha obriga da administración buscar a viabilidade a unha empresa estratéxica no Sur de Pontevedra que non é de eucaliptos senón de madeira de calidade, na que o 85% do persoal son mulleres”. Máis cando un dos problemas que hai nesta zona é o desemprego feminino que obriga ás mulleres a emigrar a Portugal á busca de traballos en precario.
Así as cousas as mobilizacións continúan diante da empresa, onde manteñen un retén de 24 horas para garantir o éxito dunha folga que secunda activamente o 80% do cadro de persoal e para evitar que por parte da empresa “veñan a sacar material nin nada por detrás nosa. Queremos fiscalizar calquera tipo de movemento que haxa na empresa diante da situación que hai”.
Para hoxe mesmo ás 10:00 horas estaba convocada unha xuntanza coas traballadoras e traballadores que aceptaron o ERE extintivo e ás/aos que lles devolveron os pagarés que tiñan que ter cobrado o 31 de agosto para avaliar a situación e decidir as accións e medidas a adoptar con esta cuestión.