O conselleiro de Sanidade gábase do incremento salarial conseguido grazas á loita sindical
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de remitir unha carta a todo o persoal do SERGAS na que “lembra” os incrementos retributivos e de dereitos acadados nos últimos anos como se foran un éxito propio. Ante isto, a CIG-Saúde lémbralle que “obvia que a meirande deles foron froito da mobilización social e sindical e non porque a Xunta estivera a disposición de mellorar as condicións retributivas e de dereitos das e dos empregados do SERGAS”.
Neste sentido, a CIG-Saúde subliña que leva anos reclamando a recuperación do Acordo Retributivo 2008-12, suspendido polo goberno de Feijóo no ano 2009 coa desculpa da crise económica. Un acordo que contemplaba un incremento retributivo practicamente lineal para equiparar salarialmente ás traballadoras do SERGAS coa media do resto dos servizos de saúde. Explica que, por iso, vén demandando “a negociación dun calendario de recuperación salarial, que se materialice xa a través dos orzamentos do ano 2024, sendo conscientes de que isto ten que ser negociado nun calendario de recuperación plurianual”.
Xunto a isto, a CIG-Saúde ten reclamado de forma reiterada a equiparación da contía do complemento específico do persoal do SERGAS coa do persoal da Xunta de Galiza. “O persoal do SERGAS tamén é empregado público da Xunta de Galiza e percibe, pola suma do Complemento Específico máis o Complemento de Produtividade Fixa, unha contía inferior, en 200 euros/mes de media, á recollida na Orde de Confección de Nóminas para o Complemento Especifico do resto do persoal empregado público da Xunta de Galiza”, lembra.
Ademais, reclama desde hai anos a negociación dunha clasificación profesional adaptada ós/ás profesionais da sanidade pública; a retribución íntegra das pagas extraordinarias e a recuperación dos 3 días de libre disposición (LDs) que teñen pendentes. Neste sentido apunta que “os acordos de redución de xornada para chegar á xornada equivalente ás 35 horas semanais son moi importantes, pero non fan que renunciemos a recuperar os 3 LDs que nos pertencen”.
“Non queremos cartas de agradecemento”
Por iso subliña que “non queremos cartas de agradecemento, nin “recordatorios” dos dereitos conquistados, xa que son froito da loita diaria das traballadoras, queremos un recoñecemento real das condicións de traballo e unhas retribucións xustas”.
E aproveita para lembrarlle que é necesario analizar os cadros de persoal dos hospitais e da atención primaria e dotalos das profesionais necesarias dun xeito estable, “xa que é a maneira de que traballen en condicións de seguridade, que teñan un acceso digno ao emprego e que as e os doentes reciban uns coidados de calidade e nuns tempos de resposta axeitados”. Entende que isto redundaría ademais na redución das listas de agarda, xa que melloraría a saúde das pacientes, reducindo así as visitas aos servizos de urxencias, entre outras cuestións.
Orzamentos para o ano 2024
A CIG-Saúde sinala que os orzamentos do 2024 estanse a negociar e solicita, máis unha vez, unha maior dotación para a sanidade pública, xa que a poboación necesita uns servizos sanitarios accesibles, de calidade e eficientes, para o que se precisa unha dotación de recursos económicos e humanos axeitada. “Os orzamentos do ano 2024 son a oportunidade para que o Conselleiro de Sanidade escriba a carta que as traballadoras e traballadores agardamos”, conclúe.