O conselleiro de Industria non concreta as xestións realizadas para intentar salvar Maderas Iglesias
Unha representación do comité de Maderas Iglesias, empresa do Porriño que atravesa unha situación crítica que ameaza a súa supervivencia, estivo presente onte durante o debate da proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego na que se instaba a Xunta a apoiar as demandas do cadro de persoal e a colaborar nas actuacións dirixidas a garantir a continuidade da empresa e dos postos de traballo.
Tamén se reclamaba que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Industria reciba ao comité de empresa no prazo de tempo máis breve posíbel, así como a creación dunha mesa de negociación coa propiedade e coa representación das traballadoras/es para estudar a viabilidade da continuidade da compañía negociando a entrada de inversores externos.
O responsábel autonómico respondeu que se están a facer xestións para intentar salvar a empresa, aínda que non ofreceu ningún detalle, ao tempo que lembrou que a Xunta “xa apoiou a empresa en anos anteriores”. Unha das últimas esixencias do Goberno galego para apostar por Maderas Iglesias era a presentación dun plan de viabilidade, que a representación do cadro de persoal continúa sen recibir a día de hoxe.
Ademais, dende o comité explican que o pasado luns tivo lugar unha xuntanza entre o Igape, un suposto grupo inversor interesado en Maderas Iglesias e os bancos cos que a empresa mantén unha débeda de 35 millóns de euros. “Din que van a seguir coas conversas, pero non sabemos nada máis. O único que sabemos é que a día de hoxe segue sen concretarse a reunión entre todas as partes: comité, Igape, empresa, bancos, alcaldes e grupo inversor”.
Por outra banda, o BNG tramitou tamén unha pregunta para a súa contestación na comisión de Industria para que a Xunta faga públicas as xestións que realizou para favorecer a viabilidade da empresa e que aclare se participou nas negociacións para a entrada de posíbeis inversores. En caso positivo, demandan que explique cales foron os resultados, así como que adiante que actuacións vai levar a cabo para defender os 148 postos de traballo actuais.