O conselleiro de Educación fáltalle ao respecto ao profesorado durante unha visita institucional acusándoo de “traballar pouco”
A CIG-Ensino denuncia a actitude do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao que acusa de faltarlle o respecto ao profesorado durante unha visita institucional ao asegurar que “traballa pouco”. A central sindical tivo coñecemento agora das afirmacións realizadas pola responsábel autonómico diante dun grupo de docentes o pasado 2 de xaneiro durante a “supervisión” das obras no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. “Rodríguez realizou por dúas veces esta afirmación impropia do seu cargo e que redunda no cualificativo do persoal docente como “clase ociosa” por parte do seu subdirector xeral da Inspección e Avaliación do sistema educativo”, sinalan dende a CIG.
Este comportamento ten o “agravante” de que se produce no exercicio da súa representación institucional, “ademais de tratarse dunha afirmación que non só está afastada da realidade diaria dos centros, senón que ademais contribúe activamente ao desprestixio social do persoal docente”.
Estas afirmacións afastadas da realidade contribúen activamente ademais ao desprestixio social do persoal docente
Para o sindicato é inadmisíbel que desde a propia Consellaría de Educación se exprese reiteradamente a idea de que o profesorado incumpre as súas obrigas profesionais e educativas “ Porque este non é un feito illado, senón unha nova expresión do que parece o posicionamento dos altos cargos da Consellarí”a.
Xa no mes de xuño pasado a CIG-Ensino denunciaba as opinións asinadas e publicadas polo subdirector xeral da Inspección e Avaliación do sistema educativo, Enrique Prado Cueva, nas que cualificaba o profesorado como “clase ociosa que só espertará se ve perigar o seu posto de traballo e os seus privilexios” e que considera a inclusión educativa como unha “presión curricular” que “debería ser analizada con moito coidado”, evitando “os principios inoperantes do progresismo”. Tras a petición de dimisión formulada pola CIG-Ensino, tanto a decisión de Román Rodríguez de non cesar o subdirector xeral como as súas propias declaracións “evidencian que non só o apoia, senón que asume o seu discurso, por moito que se empeñe en transmitir unha imaxe moderada dentro do Goberno de Rueda”.
Rectificación e negociación
Desde a CIG-Ensino censuran esta falta de respecto e lembran que a realidade “é ben outra, a que se leva evidenciando nos últimos anos cos recortes da Consellaría, e este curso especialmente con cinco convocatorias de folga en apenas catro meses: docentes que asumen unhas ratios e carga lectiva elevadas, vacantes sen cubrir, unha burocracia asfixiante, falta de recursos para atender á diversidade, ausencia de recoñecemento e valorización da profesión, lexislación non consensuada pola falta de diálogo coa representación do profesorado, etc”. Por iso inciden en que “o mellor” do sistema educativo galego son as persoas que o “sosteñen” día a día: as e os docentes.
O mellor do sistema educativo galego son as persoas que o sosteñen día a día: as e os docentes
Ademais, fan fincapé en que cando o conselleiro afirma que “os profesores traballan pouco” dálle voz a discursos que desautorizan o labor colectivo de miles de profesionais e sementa desconfianza na sociedade e no alumnado cara ao profesorado, e faino “sen pudor” porque se considera “intocábel”. “Non é aceptábel baixo ningún concepto que quen ostenta a maior responsabilidade en Educación contribúa activamente a esfarelar a credibilidade do profesorado”.
Finalmente, reclaman respecto institucional, recoñecemento da función docente e un discurso público que non rebaixe nin desprestixie o profesorado, senón que recoñeza o seu esforzo e contribución ao funcionamento do ensino público galego. “Exixímoslle ao conselleiro que rectifique e que, alén de que non se volvan repetir este tipo de afirmacións, se sente a negociar coa representación sindical maioritaria do profesorado para abordar as demandas que se acumulan durante os últimos 15 anos".
Como son a baixada de ratios e a recuperación do horario lectivo, unha dotación real de persoal para atender a diversidade, un plan efectivo de desburocratización, subas retributivas e fin da discriminación entre colectivos, normalización da nosa lingua no ensino e negociación de normativas fundamentais como o novo Decreto galego de FP, entre outras.