O conflito agrario: unha confrontación entre a cidade e o agro?

Oriol Nel·lo - 15 Feb 2024

A financeirización da produción, a concentración da propiedade, as canles de distribución e a competencia da produción de terceiros países poñen en graves dificultades a unha boa parte das explotacións agrícolas. Non hai dúbida tampouco de que a xestión das políticas agrarias e ambientais é certamente mellorábel

 O estouro da conflitividade agraria en varios países da Unión Europea provocou unha vaga de interpretacións e de debates. Non é nada estraño, xa que o conflito pon enriba da mesa unha boa parte dos retos que as sociedades europeas afrontan: a adaptación ao cambio climático e os impactos económicos da globalización, a tensión entre a integración comunitaria e a soberanía nacional, o incremento das desigualdades e o descontentamento político.

 Nestes debates, ben complexos en si mesmos, un elemento contribúe a agochar os intereses en xogo e a dificultar a comprensión dos problemas: a interpretación reiterada do conflito como dun enfrontamento entre o “agro” e a “cidade”. Así, o malestar agrario é representado como un choque entre a sociedade rural —adornada duns valores e produtora de bens básicos— e unha sociedade urbana incapaz de comprender as súas necesidades. Neste contexto, o campo non tería outro recurso que marchar sobre a cidade para facer valer as súas razóns, como nunha moderna jacquerie [revolta labrega]. As columnas de tractores avanzando cara ás capitais europeas e ocupando as prazas e avenidas serían a imaxe gráfica desta colisión de intereses.

 Trátase, abofé, dunha visión cargada de contido ideolóxico e, polo tanto, capaz de suscitar un número elevado de emocións e de adhesións. Aínda así, esta representación simplificadora é enganosa, en primeiro lugar, porque a distinción tradicional entre agro e cidade, entre rural e urbano, correspóndese cada vez menos coa realidade na Europa contemporánea. Por unha banda, as formas de vida urbana xeneralizáronse e a urbanización tendeu a expandirse até abrazar case todos os espazos rexionais. Da outra, como escribiu Francesco Galli, as antigas áreas rurais deviñeron, para ben e para mal, espazos operacionais dun sector agrario cada vez máis integrado e financeirizado, caracterizado por un elevado despregamento tecnolóxico e químico, que  fai “un medio profundamente artificializado, non tan distante das urbanizacións urbanas”.

 Os datos relativos ao mercado de traballo confirman a inadecuación de interpretar o problema agrario como un conflito entre territorios. A ocupación agraria representa, segundo datos do Eurostat, apenas o 4,2% do total na Unión Europea. A proporción é aínda máis baixa no conxunto do Estado español, o 3,6%, e, en particular, en Catalunya, o 1,4%. Así, mesmo nas comarcas tradicionalmente consideradas rurais, os ocupados na agricultura e a gandaría non representan máis que unha pequena parte dos que  traballan. Para dicilo graficamente: no Alto Pirineo e o Aran, territorio que en Catalunya se adoita considerar rural por antonomasia, hai na actualidade pouco máis de 2.000 campesiños activos. Os pirenaicos que traballan na hostalaría dóbranos en número, e o mesmo ocorre cos que traballan noutros sectores, como a construción e o comercio. Os campesiños teñen, pois, todo o dereito a expresarse; pero, desde o punto de vista da ocupación, a representatividade do territorio pirenaico correspondería máis ben, aos camareiros, aos pisters [traballadores de estacións de esquí] (que en Baqueira teñen que durmir en roulottes), aos mestres de escola, aos sanitarios e aos empregados de tendas e de supermercados.

 Doutra banda, a imaxe do conflito a partir da distinción axiolóxica entre agro e cidade agocha que nun ámbito e no outro hai intereses non só diversos, senón decote contrapostos. Como explicou o sindicalista Joan Coscubiela, a presunta existencia duns “intereses do agro” pon no mesmo saco “os xornaleiros que gañan o salario mínimo e os empresarios agrarios que lles negan o aumento alegando problemas de competitividade”. A mesma amálgama de intereses se produce ao presentar a poboación urbana como homoxénea, cando resulta evidente que está dividida por múltiples tensións e fracturas.

 Cómpre recoñecer, aínda así, que a utilización de metáforas territoriais á hora de explicar e representar conflitos sociais complexos proliferou nos últimos anos. En Francia, a revolta dos gilets jaunes [chalecos amarelos] adoitou interpretarse, a partir das teorías do geógrafo Christophe Guilluy e outros autores, como un enfrontamento entre a France périphérique e o poder da cidade, con París á fronte. Na Gran Bretaña, o voto a favor do Brexit foi explicado, con moito de eco, por Andrés Rodríguez-Pose, profesor da London School of Economics, como “the revenge of the places that don’t matter”, é dicir, como un estouro de indignación dos territorios postergados ante a gran cidade. A fórmula fixo fortuna tamén na hora de explicar o descontentamento político en Europa e o ascenso da extrema dereita.

 Aínda así, ante estas interpretacións simplificadoras, algúns autores, como Claire Colomb, profesora en Cambridge, fixeron notar que hoxe en día as desigualdades socioeconómicas separan os territorios nunha escala moito máis fina que non o que suxiren as dualidades “periférico/metropolitano”, “rural/urbano”, “campo/cidade”. Recentemente, fixemos un estudo que confirma esta interpretación para o caso de Catalunya. Así, tratamos de estabelecer estatisticamente cales son os factores territoriais explicativos das desigualdades sociais. Tradicionalmente, estas foron explicadas, sobre todo, como o resultado do contraste entre grandes áreas xeográficas (a costa e o interior, a montaña e a chaira), entre localidades de diverso tamaño (a gran cidade, a vila, a aldea) ou os espazos urbanos e rurais. Pois ben, a evidencia estatística mostra que, a pesar de que hai desigualdades notábeis asociadas a estes factores, estas resultan destacadamente máis reducidas que as relacionadas con outra variábel: a segregación residencial. Así, a separación dos individuos e dos fogares en función da súa capacidade de elixir lugar de residencia reúne a poboación máis vulnerábel en determinados barrios e concellos, tanto nas áreas máis densamente poboadas como nas que o son menos. Deste xeito, as condicións de vida da Trinitat Nova de Barcelona teñen máis a ver coas do barrio de l’Estació de Puigcerdá ou co núcleo histórico de Balaguer que non con Les Cortes ou con Sant Gervasi. Confírmase así que, desde o punto de vista das desigualdades, as fracturas territoriais non teñen tanto que ver con grandes unidades espaciais, ou coa oposición entre “agro” e “cidade”, como coas divisorias insidiosas dos mercados de traballo e da vivenda.

 Non hai dúbida de que a financeirización da produción, a concentración da propiedade, as canles de distribución e a competencia da produción de terceiros países poñen en graves dificultades a unha boa parte das explotacións agrícolas. Non hai dúbida tampouco de que a xestión das políticas agrarias e ambientais é certamente mellorábel. Pero a solución destas cuestións non se conseguirá contrapondo uns presuntos “intereses do agro” aos “intereses da cidade”. Ao contrario, o avance, complexo e difícil, ten que pasar precisamente para evidenciar que en todos os ámbitos territoriais hai intereses contrapostos.

 Que, como mostraron recentemente Rosa Cererols e Joan Nogué, nos ámbitos rurais tradicionais proliferan hoxe novos proxectos, que, en moitos casos, prefiguran modelos alternativos de organización comunitaria e de produción agrícola, máis respectuosa ambientalmente e máis equitativa socialmente. Que estas iniciativas son contraditorias cos intereses económicos predominantes no mundo agrario e, en troca, poden atopar complicidades decisivas naqueles que, a cidade, afanan en impulsar unha maior xustiza social e unha máis alta democracia política. E que entre uns e outros, é dicir, entre aqueles que dun lugar e do outro impulsan proxectos transformadores, hai a posibilidade e a necesidade de estabelecer alianzas.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Crític, 14 de febreiro de 2024]