"O concurso de Poligal é intencionado e fraudulento e loitaremos para defender os nosos empregos"
Arredor dun milleiro de persoas participaron na tarde deste martes na manifestación que os traballadores e traballadoras de Poligal realizaron entre a Ponte das Cabras (Narón) e o Cantón ferrolá en defensa do mantemento dos empregos e da actividade produtiva. Este mércores, o persoal continuou en Compostela o calendario de mobilizacións contra as pretensións do Grupo Perelada de pechar a fábrica, aproveitando que se trataban no Parlamento varias preguntas sobre a situación da empresa.
Ao berro infatigábel de "Poligal non se pecha" ou "Perelada inversión", a manifestación deste martes (na que tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril) saía pouco despois das sete da tarde da Ponte das Cabras e atravesaba toda a estrada de Castela, entre o son dos chifres e os petardos, até chegar ao Cantón ferrolá. Alí o escritor Antón Cortizas foi o encargado de ler un manifesto no que se cualificou de "intencionado e fraudulento" o proceso concursal presentado polo grupo Perelada, mediante o que quere pechar a fábrica de Narón e despedir os seus 108 traballadores e traballadoras.
Emprazamento os gobernos para que actúen
"Mais non imos claudicar ante as súas intencións e loitaremos para defender os nosos postos de traballo, porque cremos firmemente na viabilidade de Poligal Narón", aseveraron. A este respecto, o persoal emprazou o gobernos galego e español a adoptar medidas concretas na defensa do tecido industrial dunha comarca tan azoutada polo desemprego como Ferrolterra e que se garanta a continuidade da actividade produtiva.
Especialmente o chamamento dirixiuse á Xunta de Galiza, que propuxo a creación dunha mesa técnica na que estean presentes Administración e representación social para analizar as condicións das instalacións, capacidade de produción, tipoloxía dos traballos que se poden producir, etc., no camiño de favorecer a busca dun inversor que se faga coa planta, xa que Perelada descarta de cheo continuar coa actividade.
Dende CIG-Industria de Ferrol subliñaron que as Administracións non poden desentenderse da situación de Poligal, mais cando esta empresa se utilizou como exemplo de diversificación industrial e de que a reindustrialización na comarca, logo da mal chamada reconversión naval, era posíbel. "Mais a realidade é outra, o cadro de persoal pasou de estar composto por máis de 200 traballadores/as a ter só 108, limitando a nosa actividade a produtos especiais e a I+D+i, apostando claramente pola deslocalización da produción a outras plantas do grupo", afírmase no manifesto.
Cómpre lembrar que Poligal naceu en Narón ao abeiro do plan ZUR no ano 1991, recibindo importante axudas públicas que continuaron chegando a través dos distintos programadas dirixidos á comarca (ZID, Plan Ferrol), "que serviron unicamente para acalar as posíbeis respostas da cidadanía e que, de consumarse a decisión da empresa, podemos asegurar que o Grupo Perelada nos veu roubar a todas e todos nós".
Poligal estendeu a súa actividade dende Narón
Ao longo da manifestación lembrouse que foi dende Narón onde o grupo empresarial adquiriu os coñecementos e o prestixio dentro da industria do plástico, mais agora baixo o argumento de ter perdas na conta de resultados, decide de xeito unilateral "botar o feche".
E pesar de que a empresa pasou por varias reestruturacións, regulacións de emprego, despedimentos ou rebaixas de condicións nos últimos anos; a noticia da presentación do concurso de acredores con proposta de liquidación resultou tan sorprendente, xa que mesmo había traballos programados para varios meses.
O persoal recalcou que co aprendido na planta de Narón, o Grupo Perelada puxo en marcha fábricas en Portugal e Polonia, nas que investiu nos últimos anos máis de 50 millóns de euros. "Estamos ante un claro exemplo de deslocalización, de trasladar a produción para abaratar custes de persoal. Ese é de verdade o único argumento para que a empresa tome esta drástica decisión". Neste punto, criticaron con dureza as facilidades que a lexislación española e galega poñen para que as grandes empresa poidan executar este tipo de perversidades.
Concentración diante do Parlamento
Aínda cos ecos da manifestación na retina, os traballadores e traballadoras retomaban na mañá deste mércores as protestas, mais nesta ocasión diante do Parlamento galego, con motivo dunha pregunta presentada polo BNG para coñecer as actuacións do goberno galego para favorecer o mantemento da actividade produtiva en Poligal e das interpelacións ao Presidente da Xunta sobre este mesmo tema por parte de En Marea. Mentres un grupo de traballadores/as permanecía concentrado ás portas do Pazo do Hórreo, representantes do persoal asistían ao pleno para seguir o que alí se falaba.
Nas súas respostas, tanto Alberto Núñez Feijoo como Francisco Conde insistiron no compromiso da Xunta de crear unha comisión técnica pero non avanzaron ningunha novidade neste asunto.