
O concerto social para a xestión do centro de menores Concepción Arenal queda outra vez deserto pola baixa dotación económica

A representación legal dos/as traballadores/as da Fundación Camiña Social quere trasladarlle á opinión pública a falta de recursos que a administración galega destina a un recurso tan necesario e esencial como é o centro de reeducación Concepción Arenal da Coruña. Este é un dos poucos centros que en Galiza presta a atención residencial e a intevención educativa integral ás persoas menores que teñen que cumplir medidas xudiciais.
Xa vén sendo a tónica habitual do último decenio que en primeira instancia o concerto quede deserto, pero nesta ocasión, na segunda convocatoria non existe ningunha empresa de todo o Estado que considerase viábel a xestión do centro cos fondos que a Xunta destina a este recurso. A primeira convocatoria publicouse o 11 de xuño de 2024 e o 5 de agosto declarouse deserta. En marzo de 2025 sacouse nova convocatoria e no DOG publicado este mesmo mércores, o concerto volve declararse deserto.
Esta situación provoca que as persoas traballadoras e a Fundación que xestiona actualmente o centro Concepción Arenal se atopen nunha situación de interinidade, que afecta tanto ao funcionamento do servizo como á atención ás e aos menores, co agravante de que a ocupación actual supera as prazas asignadas pola administración.
Para o comité o feito de que ningunha entidade teña interese por presentarse ao concerto debido a escasa dotación económica deste, evidencia o absoluto desinterese do Goberno da Xunta de Galiza para garantir a atención socioeducativa que require un colectivo tan vulnerábel e en risco social como este.
Mais tamén deixa en evidencia o abandono e a falta de recoñecemento ao labor fundamental que realizan as e os profesionais da educación social no noso país. Neste senso, hai que subliñar que, para o centro Concepción Arenal, a Xunta propón a modalidade de contratación mediante un concerto social con duración de 8 anos no que se deixa de lado a posibilidade de actualización de salarios dos traballadores e traballadoras e a negociación do convenio de empresa que os regula, e que leva sen actualizar desde o 31 de decembro de 2014.