O Concello de Vimianzo mantén no paro a unha traballadora con sentenza firme de readmisión
A traballadora, que é técnica de normalización lingüística, conta dende o mes de xaneiro cunha sentenza firme que condena o Concello de Vimianzo e obrígao a readmitila no seu posto de traballo, a contratala a todos os efectos dende comezos do ano 2018 e a pagarlle unha indemnización de máis de 6.000€ polos danos morais producidos.
A pesar da sentenza ser firme e de despachar execución o xulgado do social nº 3 de Lugo, "o Concello fixo caso omiso e aínda non acatou a resolución polo que a traballadora continúa en situación de desemprego", denuncia a Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña. Estes feitos, apuntan, volveranse reclamar no xulgado, pedindo de novo a execución e mais multa por desobediencia.
Represalia contra a traballadora
Hai que lembrar que esta traballadora obtivo a nota máis alta nun proceso selectivo convocado en xaneiro de 2018 e que se celebrou en febreiro dese mesmo ano. A pesar disto, a técnica nunca foi contratada pola Administración Local e o posto quedou sen cubrir todo este tempo, o que a fixo estar desempregada dende daquela.
Esta forma de actuar do Concello de Vimianzo enténdese que foi unha represalia contra esta traballadora, xa que en decembro de 2017, ao ser cesada do seu posto, reclamara ante o xulgado do social de Lugo. "A xustiza, deulle a razón á traballadora, optando, xa naquel momento, o Concello por indemnizala no canto de readmitila", subliña .
A situación afecta tamén á veciñanza de Vimianzo, pois ao non contar con técnica de normalización lingüística están paralizados proxectos existentes, como o proxecto Apego.
Esta técnica viña desenvolvendo o seu traballo neste Servizo de Normalización Lingüística dende o ano 2015 e tratábase dun servizo compartido entre os concellos de Vimianzo e Zas, aínda que era o Concello de Vimianzo quen a contrataba ano tras ano.