O Concello de Vimianzo, condenado a readmitir e indemnizar por danos morais a técnica de normalización
O Xulgado do Social número 3 de Lugo vén de ditar sentenza pola que condena o Concello de Vimianzo a readmitir no seu posto a técnica de normalización lingüística, a contratala a todos os efectos dende comezos do ano 2018 e a pagarlle unha indemnización de máis de 6.000€ polos danos morais producidos.
A traballadora, explican dende a CIG de Lugo, obtivo a nota máis alta nun proceso selectivo convocado en xaneiro de 2018 e que se celebrou en febreiro dese mesmo ano. A pesar disto, a técnica nunca foi contratada polo Concello e o posto quedou sen cubrir durante todo este tempo, o que a fixo estar desempregada dende daquela.
Represalia contra a traballadora
A traballadora, obtivo a nota máis alta nun proceso selectivo, pero nunca foi contratada e o posto quedou sen cubrir"
Esta forma de actuar do Concello de Vimianzo enténdese que foi unha represalia contra esta traballadora xa que en decembro de 2017 -ao ser cesada do seu posto de traballo-, reclamara ante o Xulgado do Social de Lugo. A xustiza, xa lle dera a razón á traballadora, optando naquel momento Concello por indemnizala no canto de readmitila.
Esta nova sentenza do Xulgado do Social n.º 3 de Lugo declara a vulneración por parte do Concello da garantía de indemnidade (art. 24 CE) e da igualdade no acceso ao emprego público (art. 23.2 e 103.3 CE) e ordena o cesamento de tal comportamento vulnerador, "polo que o Concello de Vimianzo debe proceder a contratar a traballadora con efectos a primeiros do ano 2018".
Ademais, explica o secretario comarcal da CIG de Lugo, Antonio Niño, condénase ao Concello ao pagamento como indemnización por lucro cesante á traballadora a razón de 43,15 euros diarios até a efectiva contratación e mais obriga á entidade municipal a indemnizar a demandante con 6.251€ polos danos morais derivados. "A sentenza considera que se produciu unha falta de contratación privando de sustento a traballadora a pesar de superar un proceso selectivo coa máxima puntuación", apunta.
Traballo no Concello dende 2015
A sentenza declara a vulneración por parte do Concello da garantía de indemnidade e da igualdade no acceso ao emprego público"
Esta traballadora viña desenvolvendo o seu traballo neste Servizo de Normalización Lingüística dende o ano 2015 e tratábase dun servizo compartido entre os concellos de Vimianzo e Zas, aínda que era o Concello de Vimianzo quen a contrataba ano tras ano.
Esta decisión do Concello de Vimianzo de non contratar a traballadora cando superou as probas de acceso ten graves consecuencias para o Concello (deixou perder unha subvención de 12.000 € que tiña concedida para o ano 2017) e o Servizo de Normalización Lingüística permanece pechado, o que fixo que esta localidade fose excluída, por exemplo, do proxecto Apego (programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial) no cal participan numerosos concellos de toda Galicia, entre eles os das principais cidades.