O Concello de Sarria continúa discriminando as traballadoras e traballadores da residencia de maiores
O Goberno do Concello de Sarria de incumpre de maneira reiterada os prazos no pago dos salarios ao persoal da residencia de maiores Nosa Señora do Carme. Nesta ocasión, denuncia a CIG de Lugo, co atraso no ingreso da paga extraordinaria, que "hai xa unha semana que tiña que ser abonada pero que aínda non se lles pagou".
Para a CIG esta situación resulta inadmisíbel e ten o agravante, ademais, de ser reiterada e continuada no tempo. Esta situación, que xa procede da anterior lexislatura, mantívose co actual Goberno, a pesares de ter adquirido o compromiso en diversas ocasións de corrixir estes problemas. "Por desgraza, vemos como transcorrida case a totalidade da lexislatura, o Goberno municipal foi incapaz de avanzar absolutamente nada na erradicación da discriminación do persoal da residencia con respecto ao resto dos traballadores e traballadoras do Concello de Sarria", critica o secretario de Organización, Lois Neto.
Desde a CIG esíxese que as traballadoras e os traballadores da residencia de Sarria sexan, dunha vez por todas, equiparadas ao resto do persoal municipal, tal e como está xa recoñecido por sentenza xudicial.
A central pide a xestión administrativa directa
Igualmente, demándase que a xestión administrativa da residencia sexa feita directamente polo Concello de Sarria, "posto que temos detectado que a existencia de dúas unidades administrativas á hora de xestionar as nóminas ten sido en moitas ocasións o problema dos atrasos nos pagos. Se as traballadoras son persoal vinculado ao convenio do Concello de Sarria, non ten lóxica que as súas nóminas sexan emitidas nunha unidade administrativa diferente, para despois ter que ser asinadas pola intervención do Concello. O lóxico é que se xestionaran igualmente ás nóminas do resto do persoal do Concello", apunta Neto.
Denuncias na Inspección e o xulgado
A CIG vai cursar novamente denuncia ante a Inspección de Traballo por esta situación permanente e continua de atraso no pago das nóminas da residencia.
De xeito paralelo, presentarase denuncia ante o xulgado do Social para que se efectivice a equiparación salarial do persoal da residencia con respecto ao resto do persoal do Concello, toda vez que a vía da negociación co Concello para proceder á esta, tal e como esixía o xulgado do Social por sentenza, "non é unha vía posíbel pola negativa reiterada do Concello de Sarria a adoptar ningún acordo na dirección de avanzar cara a dita equiparación".