O Concello de Santiago denégalle á CIG pasar megafonía varios días para anunciar a mobilización contra as reformas laborais
O Concello de Santiago vén de denegar á CIG o permiso para pasar megafonía anunciando as mobilizacións que a central ten convocadas para o domingo 30 de xaneiro para denunciar a fraude da nova reforma laboral e esixir a derrogación íntegra de todas as reformas laborais postas en marcha dende 2010.
A CIG de Compostela solicitou autorización para pasar o vehículo coa megafonía do 23 ao 30 de xaneiro, sempre polos lugares permitidos e atendendo ao establecido na ordenanza municipal de ruídos.
Porén, na súa resposta, o Goberno municipal do PSOE só permite megafonear un día e a propaganda terá que facerse como máximo nos dous días previos á mobilización.
O secretario confederal de Servizos e Afiliación, Renato Núñez, subliña que non existe ningún impedimento legal para pasar a megofonía no período comunicado, polo que entende que o único obxectivo desta resolución “é a intención do PSOE de dificultar que se vexa o rexeitamento e a oposición a esta reforma laboral”.
Lembra que esta non é a primeira vez que o Concello de Santiago pon impedimentos á CIG para o desenvolvemento das mobilizacións, e xa no ano 2012 ou en 2016 se prohibiu a colocación de faixas, enganchar a luz en Praterías para os altofalantes ou pasar megafonía por determinadas rúas.
A CIG, como fixo nesas ocasións, vai solicitar medidas cautelarísimas contra esta resolución administrativa para que se permita o pleno exercicio do dereito de manifestación e se respecte a liberdade sindical.
“Agardamos que, ao igual que ocorreu outras veces, os xulgados nos dean a razón e impidan estas limitacións que, de maneira xa habitual, o Concello de Santiago pretende pór ao dereito de manifestación”, sinala Núñez.