O Concello de Santa Comba impón de xeito unilateral os horarios das traballadoras municipais do SAF
A CIG-Administración Pública quere denunciar a imposición unilateral por parte do Concello de Santa Comba dos horarios das traballadoras municipais do Servizo de Axuda no Fogar. Este persoal, explican, era o único que non dispuña dun horario estabelecido e acorde ás condicións reguladas no convenio colectivo para o persoal laboral, aprobado o pasado 16 de xaneiro.
As traballadoras municipais do SAF levan anos realizando un exceso de xornada laboral moi superior ao resto de persoal do Concello de Santa Comba, e ademais sen recoñecemento e remuneración deste.
Durante todos estes meses,"a CIG tentou, no ámbito da negociación, chegar a un acordo sobre os horarios das traballadoras que respectase, como non pode ser doutro xeito, os dereitos estabelecidos no convenio colectivo e a non discriminación laboral co resto das persoas traballadoras do Concello".
Porén, o goberno socialista do Concello de Santa Comba négase a cumprir dereitos básicos das traballadoras, tales como os descansos semanais obrigatorios, ou ausencia de discriminación de xornada entre o persoal municipal, entre outros.
A CIG-Administración considera que estas prácticas discriminatorias prodúcense de maneira deliberada nun sector profesional feminizado, e polo tanto, ademais da vulneración dos dereitos laborais fundamentais destas traballadoras "atopariámonos coa gravidade da discriminación laboral por razón de xénero".
Neste senso, a central lembra que o Goberno municipal de Santa Comba xa foi sancionado pola Inspección de Traballo o pasado mes de xaneiro pola comisión dunha falta grave, consistente no incumprimento de obrigas en materia de medidas de igualdade efectiva entre mulleres e homes.