O Concello de Ourense volve poñer en marcha o tren termal sen vehículos que garantan a saúde e seguridade do persoal

A sección sindical da CIG na concesionaria do servizo de transporte urbano insta o alcalde a cumprir o seu compromiso de renovar a flota
Ourense - 19 Feb 2025

A sección sindical da CIG na concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Ourense denuncia que o alcalde incumpriu o seu compromiso co cadro de persoal ao volver a poñer por en funcionamento o tren turístico das termas sen contar con vehículos novos que garantan a saúde e a seguridade dos condutores/as e das persoas usuarias.

Dende a representación da central en Urbanos de Ourense lembran que o rexedor prometera en diversas reunións que o servizo non comezaría até que non se substituísen os actuais vehículos, “mais o tren púxose en marcha cos mesmos vehículos obsoletos, sen ningún tipo de mellora, tanto para as persoas viaxeiras como para o persoal de condución”.

De feito que o posto de condución -tal e como teñen sinalado en distintas ocasións- non cumpre coas necesidades do persoal que presta o servizo, xa que carece de regulacións para adaptar o asento á necesidades e estatura de cada condutor/a e non conta con sistema de amortecemento. Ademais, o feito de que o habitáculo de condución non teña o tamaño suficiente provoca que unha persoa de máis de 1,75 teña serios problemas posturais para ter una visibilidade decente.

De igual xeito, o sistema de amortecemento dos vagóns atópase totalmente obsoleto, “polo que recibimos en moitas ocasións as queixas das persoas usuarias polos botes e golpes que sofren ao utilizar o servizo”. A maiores, os vehículos non pasan a ITV correspondente, “algo incomprensíbel despois de todos os problemas que levan dando nos últimos anos”.

Po todo isto, consideran “inaceptábel” que se poña en funcionamento un servizo que presenta tantas deficiencias e reclaman que proceda a corrixilas de xeito inmediato para garantir a saúde e seguridade tanto do persoal de condución como das persoas usuarias.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.