O Concello de Negreira boicoteou a folga do 8M contratando substitutas para esa xornada
O pasado día 8 de Marzo, o Concello de Negreira contratou a tres persoas para substituír a tres traballadoras da escola infantil municipal que secundaron a folga. Antes diso, a dirección do centro pediu a cada unha delas que dixeran se ían ou non ir á folga. A CIG denuncia que é ilegal exixir ao persoal que informe con antelación e aclara que o que se tiña que ter feito é establecer uns servizos mínimos, garantindo ao resto das traballadoras o exercicio do seu dereito fundamental á folga.
A central sindical informa de que o centro non cubre ausencia algunha, nin bota man das listas de substitución cando prevé que unha traballadora vaia estar de baixa menos de 3 días, como tampouco cobre a quen colla días por asuntos propios. Porén si o fixo con motivo da folga convocada para o 8 de Marzo.
A non cobertura de baixas ou días de asuntos propios “provoca que o persoal teña que se amañar como pode para subsanar a ausencia da compañeira ou compañeiras que non asisten a traballar ese día, chegando mesmo a infrinxir a legalidade porque, moitas veces, se a persoa que falta é a titora de aula queda ese día a persoa de apoio correspondente á fronte desa aula”, denuncia.
Neste sentido sinala que o último caso deuse o día 4 de abril, cando dúas traballadoras pediron o día de asuntos propios –algo que se sabía con antelación- e outra non puido acudir por atoparse indisposta. “Ese día non chamaron a ninguén para cubrir esas baixas e tivo que facelo o resto do persoal da Escola Infantil”.
Por iso para a CIG estes antecedentes demostran que a substitución, desta volta si, destas tres traballadoras, tiña como obxectivo que a folga de mulleres pasara desapercibida vulnerando o dereito fundamental das traballadoras a secundala.