O Concello de Monterroso pecha a Vivenda Comunitaria e comunica o despedimento ás traballadoras cun só día de antelación
A CIG Lugo- A Mariña denunciar que este luns o Concello de Monterroso comunicoulle ás traballadoras da vivenda comunitaria o seu despedimento con efecto un día despois, é dicir este mesmo martes, 31 de maio
Os despedimentos supoñen tamén o peche, a priori temporal, do servizo, "e este prodúcese de forma absolutamente opaca e con aleivosía", denuncia o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, quen lembra que o Concello leva tempo procurando o desmantelamento do servizo, mais sen informar ao respecto ás traballadoras que o prestan.
Para a CIG o motivo real do peche do servizo é desfacerse das traballadoras, as cales tiñan presentado nos últimos anos varias denuncias por recoñecemento de categoría profesional e reclamando a súa condición de persoal laboral indefinido.
"A mala fe da actuación do Goberno municipal demóstrase coa conduta escapista mantida nos últimos meses, dado que non se respondeu ao comité de empresa a respecto da situación do servizo e das traballadoras, e incluso ante as denuncias da CIG, de maneira pública, o Concello ten negado o peche do servizo".