O Concello de Monforte pretende impor a proposta de RPT sen negociala coa representación social
A representación sindical de CIG, CCOO e CSIF no Concello de Monforte cualifica de lamentábel a mesa de negociación que tivo lugar este mércores para negociar a Relación de Postos de Traballo e acusan "a primeira tenente de alcalde e o sindicato irmán, UGT", de presentar unha proposta sen o tempo necesario para poder estudala, "co único obxecto de facer da negociación unha auténtica imposición”.
Para estas organizacións sindicais o acontecido supón un “desprezo absoluto” polo dereito fundamental á negociación colectiva e amosa que non hai vontade de contar por parte do goberno local "nin cos traballadores e traballadoras nin cos seus lexítimos representantes".
Explican que a proposta de RPT, un texto de máis de 400 follas, foi remitida o pasado venres a última hora cun prazo de 48 hora para debatelo na mesa. Un tempo "máis que suficiente", segundo trasladaron dende o Concello.
Os e as representantes dos tres sindicatos consideran indispensábel, para que haxa unha negociación real, e así o expuxeron na mesa que:
-Haxa un calendario de reunións
-Se estableza un período razoábel de tempo para estudar debidamente o documento, contrastalo co persoal e introducir as melloras oportunas.
-Convocar unha mesa de negociación na que se vote o texto definitivo que se levará a pleno.
Neste sentido, lamentan que ningunha destas propostas, “indispensábeis para que nos sumáramos”, fora tida en conta, de aí que as tres organizacións sindicais “nos opoñamos a esta falacia negociadora”, pois aceptala, na súa opinión, sería aparecer como “comparsas” dun “entroido negociador".