O Concello de Lalín aplica de xeito ilegal o novo convenio ao non telo rexistrado antes
A CIG denuncia que o Concello de Lalín vén de tomar decisións a respecto das condicións laborais do persoal no marco da comisión paritaria, algo ilegal ao non ter rexistrado o convenio colectivo con anterioridade. Dende a central sindical censuran ademais o “compadreo” da Inspección de Traballo e a “complicidade” de CCOO con este xeito de actuar do Goberno local.
A finais do pasado mes de xuño o Concello procedeu a constituír as comisións paritaria e do acordo regulador a pesar de que o convenio (que saíra adiante o 24 de novembro de 2022 coa oposición da CIG) non fora rexistrado diante da autoridade laboral nos 15 días seguintes á súa aprobación, tal e como establece a lexislación. De forma que, sen convenio en vigor, calquera negociación sobre as condicións laborais ten que facerse na mesa xeral, na que están representados todos os sindicatos e non só aqueles que asinaron o acordo.
Mais no mes de outubro o responsábel de persoal do Goberno local comunícalles por correo electrónico aos traballadores/as que unha vez reunida a comisión paritaria tomouse a decisión de "establecer que a franxa horaria dentro da que se pode levar a cabo o descanso para o café (ou similar), é dicir, a pausa de 30 minutos para as persoas empregadas públicas deste Concello, terá lugar necesariamente, e dende o día 2 de novembro actual, entre as 10:00 e as 12:00 horas”.
Por tanto o Goberno local aplicaba unha decisión sobre as condicións laborais do persoal en base a un convenio sen validez, xa que a lexislación vixente obriga a no prazo de 15 días dende a sinatura do acordo a elevar á autoridade laboral o texto para súa comprobación e autorización, e por último a súa inscrición no rexistro de convenios. “Unha vez comprobado que o convenio non foi inscrito e que en ningún momento se publicou no Boletín Oficial estamos ante un convenio que non se pode aplicar”, sinalan dende a central sindical.
Denuncia na Inspección
Ao mesmo tempo, na central consideran que a xuntanza na que se tomou esta decisión carece de validez ao vulnerar o dereito a negociación, xa que a CIG non foi convocada baixo o pretexto de que o que tiña lugar era unha reunión da comisión paritaria do convenio. En consecuencia, o pasado 16 de novembro presentou denuncia diante da Inspección reclamando que se anulase calquera decisión tomada nesa comisión paritaria, se convocase a CIG a todas as xuntanzas nas que se aborden as condicións laborais dos traballadores/as e se atendese e anulase calquera aplicación do I Convenio do Concello de Lalín por non pasar o trámite da autoridade laboral.
Para a sorpresa da central sindical, ese mesmo día o Concello procedeu a rexistrar o convenio. “Está claro o compadreo da Inspección de Traballo, alguén tivo que avisar os responsábeis municipais, porque non casualmente foron rexistrar o convenio aprobado hai un ano xusto o mesmo día que presentamos a denuncia”. Finalmente, dende a CIG critican tamén a “complicidade” de CCOO en todo este proceso, xa que participaron da comisión paritaria a pesar de coñecer que non é legal ao non terse rexistrado o convenio.