O Concello de Guitiriz "pretende atallar a súa incompetencia coa privatización dos servizos"
A alcaldesa de Guitiriz vén de convocar un pleno extraordinario para o vindeiro venres para iniciar os trámites da privatización do servizo de axuda no fogar (SAF). Para a CIG de Lugo-A Mariña con esta operación o goberno do PSOE busca "desentenderse dos problemas laborais xerados pola súa propia incompetencia", mediante un proceso de privatización "que para nada ten que ser máis económico nin mellorar o servizo, pois o obxectivo das empresas privadas claramente é a obtención de beneficios empresariais e non a calidade no servizo".
Dende a central sindical critícase tamén que, máis unha vez, a alcaldesa opte "por unha política laboral do 'ordeno e mando'" así como que, no caso dunha medida de tal importancia, non teña informado as organizacións sindicais sobre os termos e condicións nos que pretende desenvolver o proceso de privatización.
A este respecto, a CIG fai un chamamento ás forzas políticas da oposición para que se opoñan á privatización do servizo de axuda no fogar, "pois a mesma non garante en absoluto ningún beneficio para as persoas beneficiairias, nin debe supor un aforro económico ao Concello", engade Lois Neto, secretario comarcal de Organización.
A CIG vai convocar as traballadoras do servizo para analizar con elas a nova situación que se xera, no caso de aprobarse a privatización, e advirte: "estaremos absolutamente vixilantes ao desenvolvemento do proceso, para que este se faga garantindo a legalidade e tamén os dereitos das traballadoras".