O Concello de Guitiriz négase a readmitir o operario do GES despedido e o xulgado obriga a pagarlle os salarios
Despois de que o xulgado do Social nº 2 de Lugo declarase nulo o despedimento dun traballador do GES, o Concello de Guitiriz negouse a readmitilo -a pesar de que así o obriga a sentenza-, amparándose en que recorreu a resolución perante o TSXG. Non obstante, subliña a CIG de Lugo-A Mariña, este feito "non exime da obriga de reincorporar o traballador".
Diante deste novo incumprimento por parte do Concello de Guitiriz, o traballador veuse na obriga de presentar ante a xustiza un escrito de execución da sentenza, e unha vez citadas as partes, o xulgado decretou un auto no que obriga o Concello a pagarlle ao afectado o salario desde a data da sentenza (17 de abril de 2018) até que finalice a tramitación do recurso de suplicación presentado polo Goberno local. Ademais, o traballador queda exonerado da prestación de servizos debido a que así o quixo o Concello.
"Nunha nova decisión caprichosa e que carece de todo sentido, o Concello decide pagarlle ao traballador e que este non traballe, iso si, cargando o custo económico sobre o peto de todos e todas as veciñas de Guitiriz", denuncia o secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto.
Un servizo de 12 persoas funcionando só con 7 traballadores
Esta decisión resulta aínda máis incomprensíbel cando no servizo do GES, que ten carácter supramunicipal e atende emerxencias nos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol e Xermade, traballan na actualidades só 7 operarios, cando o servizo debería estar composto por 12 persoas.
"A alcaldesa de Guitiriz antepón o seu capricho e o seu orgullo ás necesidades da veciñanzas, non só do seu municipio, senón de tres concellos máis, e continúa a debilitar un servizo de primeira necesidade para a poboación como é o de emerxencias".
Desde a CIG convídase, unha vez máis, á alcaldesa a que volva á legalidade e á normalidade, a que cumpra coas resolución xudiciais, e mesmo a que readmita o traballador polo ben do servizo de emerxencias.