O Concello de Guitiriz impón un ERTE de suspensión de emprego ao persoal do GES
O Concello de Guitiriz vai aplicar un ERTE de suspensión de emprego a sete traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Despois de catro reunións entre o Concello e o comité de empresa do Persoal Laboral, este luns pechábase o período de consultas sen acordo entre as partes.
A CIG rexeita totalmente a medida, ao entender que non existe causa xustificativa para un expediente de regulación de emprego pois o motivo no que o Goberno municipal xustifica o ERTE "é reversíbel: a renuncia do Concello a asinar o Convenio dos GES para o período 2019-2021". A CIG de Lugo-A Mariña subliña que o Concello "adoptou esta decisión sen baseala en ningunha razón concreta, á marxe do cadro de persoal e desentendéndose das obrigas contractuais que asumiu e ten consolidadas con dito persoal".
Para o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, resulta igualmente inasumíbel un ERTE que non concreta a temporalidade, posto que esta fica condicionada a que outro concello (Begonte, Xermade ou Friol) asuma a xestión do GES, deixando así ao persoal afectado nunha "absoluta situación de indefensión e incerteza". "Non debemos esquecer que no anterior convenio o GES da Fonsagrada quedou todo o período sen cubrirse, polo que non existe ningunha garantía de que o GES da Terra Chá vaia funcionar finalmente, mais despois de que, como o propio Concello recoñece, ningunha das administracións restantes se teñan pronunciado ao respecto".
Na presentación deste ERTE, o Concello de Guitiriz parte do posicionamento de que para o persoal existe o dereito da subrogación no caso de que outra Administración local asuma o servizo, "mais non hai ningún documento que acredite tal cuestión, polo que a inseguridade laboral na que quedan os traballadores é total e absoluta".
O Concello aposta pola unilateralidade
Na mesa de negociación a CIG formulou que se retirara o ERTE e negociar unha modificación das funcións do persoal do GES mentres outro Concello non asumira a xestión e estivera garantida a subrogación. Porén, esta proposta foi rexeitada polo Concello, que non momento modificou ningún aspecto da súa proposta inicial.
"Desde a CIG cremos que, unha vez máis, a alcaldesa de Guitiriz se rexe polos seus caprichos para aplicar a política laboral do Concello, e que unha vez máis aposta pola unilateralidade, no que será unha medida de regulación de emprego que está absolutamente inxustificada e que deixa nunha situación de indefensión absoluta ao persoal afectado. Esta decisión conduce novamente á xudicialización da política laboral do Concello, desta vez cun ERTE que desde a CIG consideramos absolutamente inxustificado e que sen dúbida impugnaremos diante do xulgado do social".