O Concello de Guitiriz continúa sen entregar os EPIs regulamentarios ao persoal do GES
O Concello de Guitiriz segue sen entregar os Equipos de Protección Individual (EPIs) regulamentarios ao persoal do GES, incumprindo así o ordenado Inspección de Traballo, que lle dera de prazo até o 8 de febreiro para entregar a todos os traballadores e traballadoras estes equipamentos.
Desde a Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña considérase inxustificábel esta situación, posto que xa excede dous meses do prazo dado pola propia Inspección, "o cal indica unha actitude por parte da alcaldesa de Guitiriz de absoluta irresponsabilidade ou de absoluta incompetencia, que non sabemos cal é peor, e desde logo en ambos casos impropias da responsabilidade que ostenta".
Desde a central sindical tamén se reclama á Inspección de Traballo de Lugo que proceda a sancionar o Concello polo incumprimento, e que lle esixa o inmediato cumprimento das súas obrigas, entendendo ademais que estes incumprimentos atentan contra a seguridade e saúde dos traballadores/as do servizo.
Servizo sen o persoal suficiente
"Igualmente denunciamos, como noutras ocasións, a imprudente xestión dun servizo de emerxencias que pagamos entre todas as cidadás e cidadáns, que cubre catro concellos, e que está sen o persoal suficiente", sinala Lois Neto, secretario comarcal de Organización. Estas carencias, engade, provocan que non se cubran as emerxencias, tal e como pasou recentemente cun lume nun alpendre nunha parroquia de Begonte, ou cunha árbore en risco de caída ao pé dunha estrada.
"Entendemos que a ineficiencia na xestión dunha alcaldesa non pode baixo ningún concepto afectar a un servizo básico para a seguridade da cidadanía como é o GES, e que ademais estamos a pagar todos e todas, pois lembramos que o servizo do GES de Guitiriz está subvencionado ao 100% entre a Xunta de Galiza e a Deputación de Lugo", conclúe.