O concello de Cariño négase a negociar a RPT e impón por decreto un cambio de horario e quendas as traballadoras do SAF
A alcaldesa do Concello de Cariño deu este venres unha mostra máis do seu “carácter despótico e de desprezo polos mecanismos de negociación”, ao imporlle por decreto ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar unha modificación das condicións laborais a partir do vindeiro luns, polas que se lle cambian os horario e as quendas.
Esta imposición, denuncia a secretaria comarcal da CIG-Administración de Ferrol, Carmem Viso, fíxose de maneira unilateral, “sen atender a prazos, a representación colectiva nin os mecanismos de negociación que estabelecen tanto o Estatuto das persoas traballadoras como o EBEP”.
Explica que as traballadoras do SAF foron convocada hoxe de maneira individual, sen posibilidade de contar con asistencia da representación sindical, para que asinaran un documento que modifica as súas quendas e horarios a partir do luns día 2 de marzo. Para a responsábel comarcal da CIG-Administración resulta “máis que evidente o cúmulo de incumprimentos e ilegalidades que manifesta con esta imposición unilateral”.
Hai que salientar que esta decisión se dá no contexto do conflito laboral pola negativa do Concello a cumprir coa sentenza xudicial para negociar e aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo que permita actualizar e dignificar as condicións laborais e repor o persoal necesario para prestar uns servizos públicos de calidade. “Levamos máis de dou meses de mobilizacións semanais, tres días de folga e manifestacións polas rúas do municipio con masivo apoio do persoal e da veciñanza sen que a alcaldesa atenda ningunha das peticións feitas polo seu persoal e sen que exista unha soa proposta enriba da mesa”, critica Viso.
Diante disto, a CIG reclámalle a alcaldesa “que non siga a maltratar o seu persoal” e adianta que estas imposicións “terán a resposta adecuada tanto na vía xudicial como na vía da mobilización e conflito”.