O Concello de Betanzos privatiza o servizo de limpeza dos colexios sen informar as traballadoras
O Concello de Betanzos avanza na privatización dos servizos municipais e na destrución de emprego público coa licitación do servizo de limpeza dos centros públicos de ensino municipais. A Sección Sindical da CIG no Concello explica que o goberno municipal do PSOE publicou esta licitación na Plataforma de Contratos Públicos de Galiza o día 7 de marzo e onte na web municipal "alardeaba das bondades da privatización dun servizo que na actualidade ten cinco traballadoras ás que o Concello non informou en ningún momento das súas intencións".
Máis aínda, engade Silvia Muíño, as traballadoras que resultarían afectadas souberon pola prensa que o Concello ten a intención contratar a unha empresa privada para a limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín, a Escola Infantil e o Conservatorio Municipal.
Vontade privatizadora
Desde a Sección sindical da CIG denuncian a falta de diálogo do goberno municipal nesta situación e a vontade privatizadora dun sector que na actualidade xa conta con persoal, se é ben é certo que nos últimos anos se reduciu significativamente pola negativa a cubrir as vacantes por xubilación. "É necesario denunciar tamén que o prego de prescricións técnicas do contrato administrativo minte abertamente dicindo que 'o Concello carece de persoal con experiencia na prestación de traballos de limpeza e que conten coa categoría de limpador/a', cando os contratos das traballadoras de limpeza que actualmente traballan no CEIP Francisco Vales Villamarín e os postos existentes no cadro de persoal afirman o contrario", subliñan.
A maiores, o Concello ten unhas listaxes de substitución vixentes para o posto de limpador/a para cubrir as baixas do persoal, e a CIG xa denunciou publicamente que sistematicamente viña cubríndoas con persoal dunha empresa privada, "nun claro intento de abrir este novo camiño da privatización definitiva".
Sen tratar esta cuestión co comité de empresa
Dende a Sección Sindical da CIG lembrar "que a vontade de destrución de emprego público do goberno municipal de Betanzos vén de lonxe", posto que xa hai dous anos optou por despedir a dúas traballadoras que limpaban o aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín para comezar a abrir o camiño a esta contratación privada.
"Consideramos completamente inaceptábel que o PSOE dese este paso sen falar co comité de empresa e coas traballadoras afectadas, máis aínda tendo en conta que a modificación das condicións laborais é materia de obrigada negociación".