O Concello de Betanzos presenta unha RPT que elimina máis do 80% das prazas do persoal laboral
O Goberno municipal de Betanzos ten previsto levar ao pleno de febreiro de 2020 a primeira Relación de Postos de Traballo que elimina como estruturais o 81% das prazas do persoal laboral do Concello e discrimina salarialmente as restantes 19% fronte ás ocupadas polo funcionariado, "xa que teñen unha valoración moi superior que repercute directamente na ampliación da fenda salarial que existe historicamente entre o persoal laboral e o funcionariado".
A sección sindical da CIG no Concello de Betanzos considera gravísima esta situación tendo en conta que unha RPT inclúe os postos estruturais dunha Administración, "é dicir, os que se consideran necesarios para o funcionamento desta". "Con esta decisión, o Goberno do PSOE e a CSIF consideran que non son necesarias para o funcionamento do Concello 68 prazas que na actualidade son ocupadas polo persoal laboral, que están distribuídas por todos os departamentos municipais e algunhas ocupadas durante máis de trinta anos", advirten.
Decisión "preocupante"
Para a representación da CIG, esta decisión resulta "inquietante" porque amortiza as prazas do persoal laboral e considera que non teñen carácter estrutural para o funcionamento desta Administración local. "Se a isto lle unimos que non é a primeira vez que algún concelleiro lle explica ao persoal de servizos a facilidade coa que estes se poden privatizar, externalizar e subrogar o persoal, o escenario é, cando menos, preocupante", critica Silvia Muíño, da sección sindical.
A maiores de todo isto, o Goberno municipal negouse a incluír as sentenzas de indefinición firmes que na actualidade teñen algúns traballadores e traballadoras laborais, "demostrando un desprezo absoluto polas obrigas derivadas das resolucións xudiciais e polos seus propios compromisos, xa que foi o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, o que instou as/os traballadoras/es a denunciar se querían que o seu posto formase parte da RPT, para agora ignorar as sentenzas firmes e nin sequera incluílas no documento que pretende someter á aprobación plenaria".
Afondar na precariedade
A CIG considera que con esta decisión o Concello de Betanzos e a CSIF descargan no persoal laboral en fraude de lei as consecuencias da nefasta xestión de persoal dos últimos trinta anos, "castigando os traballadores e traballadoras que aturaron a temporalidade e os salarios precarios durante máis de tres décadas a unha precariedade aínda maior e afondando na fenda salarial entre o funcionariado e o persoal laboral".
A maiores, denuncia Muíño, o PSOE incumpre o seu compromiso co persoal laboral "de que o Convenio Colectivo era o primeiro paso para unha xusta equiparación salarial que se realizaría nos seguintes anos e que, á vista da RPT, era unha absoluta mentira do Goberno municipal".