O Concello da Fonsagrada terá que readmitir os traballadores do GES despedidos
O Secretario Comarcal da CIG, Antonio Niño, lembrou este luns en rolda de prensa, que unha vez finalizado o convenio de colaboración entre a FGMP, a Xunta, a Deputación e o Concello, a administración local, a diferenza doutros municipios, comunicou o cese a todos os traballadores do GES e que ía proceder a convocar un novo proceso de selección.
Porén, o Concello da Fonsagrada nin asinou a renovación do convenio, nin convocou as probas de selección, nin atendeu as reclamacións dos traballadores, e 10 deles acabaron denunciaron os despedimentos no xulgado do social. Agora, veñen de coñecerse as tres primeiras sentenzas, que declaran nulos os despedimentos e obrigan o Concello á readmitir ao persoal e abonar os salarios deixados de percibir.
Neste senso, Niño apuntaba que na resolución xudicial considérase primeiramente a improcedencia da medida, pois o traballo que realiza este persoal non é unha obra con autonomía, senón que se trata dun servizo necesario e permanente. De feito, hai que lembrar que no propio convenio GES subscrito no seu momento, recóllese que se creará unha estrutura profesionalizada e continuada.
Mais o xulgado non só considera a improcedencia da medida, senón que entende que se trata de despedimentos nulos por canto se cesou aos 13 traballadores do GES sen aplicar o despedimento colectivo preceptivo.
Diante disto, Antonio Niño instou ao alcalde da Fonsagrada a non agardar até ter todas as sentenzas e readmitir xa a todos os traballadores. A este respecto, advertiu que si ou si, o Concello ten que reincorporar ao persoal “e se non ten operativo o GES terá que reincorporalos como persoal laboral” noutros destinos.
O Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña lamentou que a actitude do goberno municipal levara a esta situación, auspiciando un conflito laboral innecesario e deixando aos veciños e veciñas da Fonsagrada (e dos concellos limítrofes aos que dá cobertura o GES) sen un servizo esencial.
Por iso, insistiu en demandar ao Concello que asine de unha vez a renovación do convenio, do mesmo xeito que fixeron o resto dos municipios do país que contan con estes equipos de emerxencias. A este respecto, salientou que sería unha irresponsabilidade non ratificar o convenio, “mais cando na provincia, a Deputación de Lugo acordou asumir o 100% do financiamento” do servizo e hai outros concellos pendentes de se A Fonsagrada asina ou non para solicitar o seu propio GES.