O Concello da Coruña reverte a súa decisión e asume prorrogar o contrato coa empresa que xestiona as actividades deportivas
O Concello da Coruña trasladou na reunión celebrada esta mañá coa representación do persoal que presta o servizo de actividades deportivas municipais e coa CIG que manterá a prórroga coa actual concesionaria, Amartya SL, até licitar o novo prego de condicións que sacará, segundo afirmaron, pola vía de urxencia. Deste xeito, garántese a continuidade dos empregos (o Concello determinara a finalización do contrato a 30 de xuño) e o seu dereito á subrogación na nova empresa.
Así mesmo, dende o Goberno local abríronse a atender as demandas da parte social a respecto do recoñecemento das categorías e a antigüidade, de maneira que o próximo contrato recolla a realidade laboral do servizo. Neste senso, Henrique García, da CIG-Ensino, explica que até agora nos pregos só se facía referencia ás actividades nas escolas deportivas municipais, cando na realidade este persoal ten unha carga de traballo maior, xa que atende ás tarefas do servizo municipal de deportes. "Unha realidade que non aparece reflectida no contrato e que agardamos quede corrixida na futura licitación", valorou.
Emprazamento a unha nova reunión
García sinala que por parte do Goberno local emprazaron a representación do persoal a outra xuntanza para o vindeiro xoves, de carácter máis técnico, para concretar as condicións dos/as 16 traballadores/as indefinidos/as e a carga de traballo dos vindeiros meses. "Pedímoslle ao Concello que procure atender as necesidades de actividades e rehabilitación que os propios usuarios e usuarias nos están facendo chegar, pero a Concellaría entende que non haberá carga de traballo para todo o persoal, xa que a piscina está pechada por obras, polo que a alternativa que se formula é negociar un ERTE coa empresa para unha parte do persoal", apuntou.
En todo caso, con esta posibilidade quedarían salvagardados os dereitos laborais e a subrogación, xa que se mantería a relación laboral e se garantiría un complemento do 100% dos salarios, así como computar a parte proporcional das pagas extra e das vacacións". Para o resto do persoal fixo-discontinuo mantéñense as condicións de maneira habitual.
Deste xeito, as protestas que o persoal tiña previsto desenvolver esta semana fican definitivamente suspendidas. Neste senso, a CIG destaca a unidade mantida polos traballadores e as traballadoras para acadar os seus obxectivos e a loita levada a cabo.
Dende o colectivo de traballadores e traballadoras quixeron agradecer aos grupos da Corporación municipal e aos usuarios e usuarias o apoio e solidariedade amosado coas súas reivindicacións. E pídenlle tamén axilidade ao Concello na resolución do contrato para dar seguridade ao emprego, mais tamén para ofrecer ás coruñesas e coruñeses unhas actividades deportivas, de ocio e tempo libre axeitadas.