O complexo industrial-militar-imperialista sedento de sangue

Adrián Sotelo Valencia - 20 Nov 2023

A rivalidade entre China e os Estados Unidos pola hexemonía tecnolóxica no marco da cuarta revolución industrial e o conflito en Taiwán, a crise sanitaria do coronavirus, a guerra de Ucraína e o actual ataque e masacre do sionismo israelí contra o pobo palestino, configuran o marco estrutural da xeopolítica do desastre do imperialismo

 Como economía de guerra e de armamentos, os Estados Unidos teñen que utilizar os seus peóns no taboleiro xeopolítico para abrir mercados de guerra, de venda de armamentos para contrarrestar os seus graves problemas de acumulación e valorización de capital que leva a caída da súa taxa de ganancia e de rendibilidade.

 Así, historicamente, desde o século XIX —do mesmo xeito que outras grandes potencias imperialistas como Alemaña, Holanda, Francia e Gran Bretaña— os EUA abríronse paso anexionando territorios, recursos naturais e materias primas para garantir os seus procesos de acumulación e as posteriores anexións territoriais coloniais en distintas partes do mundo subdesenvolvido e dependente, tal e como demostrou Lenin na súa monumental obra, O imperialismo: fase contemporánea do capitalismo.

 É neste contexto en que se desenvolve a guerra de Ucraína e o masacre perpetrado polo subimperialismo sionista comandado por Washington contra o pobo palestino, cun saldo de miles de mortos e feridos e a destrución practicamente de toda a infraestrutura urbana, sanitaria comercial, comunicativa e as vivendas familiares da Franxa de Gaza.

 Este é o resultado da fonda crise estrutural e civilizatoria do modo de produción capitalista, planetario e da perda de hexemonía-supremacía do imperialismo estadounidense a nivel global. Aínda que o capitalismo, o imperialismo e o fascismo son armas destrutoras da humanidade, o sionismo exacérbaas e poténciaas como calamidade cuxo obxectivo é a extinción da propia humanidade. Segundo Sputnik, con data do 18 de novembro de 2023, 12.300 civís, entre eles máis de 5.000 nenos e 3.000 mulleres, foron asasinados na Franxa de Gaza desde o pasado 7 de outubro de 2023 cando comezou o ataque sionista masivo contra Palestina. Ademais, esta fonte indica que os bombardeos israelís destruíron 43.000 edificios residenciais, mentres que 225.000 foron parcialmente destruídos e hai miles de desaparecidos baixo os cascallos provocados polas bombas sionistas.

 Os medios de comunicación e as redes sociais do occidente colectivo agochan esta pecaminosa realidade de barbarie e limpeza étnica contra a poboación palestina. Convertida no maior campo de concentración do mundo ao descuberto, cunha poboación en cativerio de 2.260.000 habitantes e coa maior densidade poboacional do planeta, os covardes soldados asasinos matan a eito, bombardean os hospitais e as escolas onde perecen decenas de nenos e enfermos, co completo visto e prace dos gobernantes europeos e o seu xefe supremo, o presidente ianqui, Joe Biden, representante da xerontocracia norteamericana que se comprace e alimenta coa matanza masiva ao ritmo en que lles envía aos sionistas todo tipo de armas de destrución masiva (mísiles e municións), bloqueando, no Consello de Seguridade da inservíbel ONU, todo tipo de propostas presentadas por diversos gobernos para frear a feroz matanza de seres humanos perpetrada polo exército de ocupación sionista.

 Como sinalan diversos especialistas, o imperialismo é máis perigoso na súa fase decadente dado que os seus representantes, Obama, Trump ou Biden, pensan manterse como o hegemon e o verdugo do mundo retornando á inxerencista «doutrina Monroe» e ao macartismo anticomunista que profesan todos os presidentes estadounidenses (respecto diso véxase: National Security Strategy 2022, e Sotelo, en Rebelión).

 Ao estárense minando os instrumentos tradicionais nos que os Estados Unidos forxaron a súa dominación imperial despois da Gran Guerra Patria: o dólar e o Pentágono, aos que engadimos o mediático, deteriorado e precarizado «american way of life» howllywoodense, a arrogancia da clase dominante e dos persoeiros representantes do Estado vólvese cada vez máis aguerrida nun mundo en profunda transformación e en ascenso caracterizado polo multipolarismo e a crecente desdolarización da economía capitalista mundial, fronte ao tradicional e minguado unilateralismo imperialista norteamericano, ao cal están subordinados a maioría dos presidentes e gobernos neoliberais do occidente colectivo encerrados na gaiola de ferro da OTAN.

 A rivalidade entre China e os Estados Unidos pola hexemonía tecnolóxica no marco da cuarta revolución industrial e o conflito en Taiwán, a crise sanitaria do coronavirus, a guerra de Ucraína e o actual ataque e masacre do sionismo israelí contra o pobo palestino, configuran o marco estrutural da xeopolítica do desastre do imperialismo, que tentan contrarrestar desesperadamente por todos os medios.

 É en función do anterior que os Estados Unidos apoian incondicionalmente a entidade sionista xa que representa o seu bastión represor e de dominio nesa rexión do Medio Oriente. Aínda que o exército israelí, que desde a aviación bombardea indiscriminadamente a poboación civil, se asaña contra o desarmado pobo palestino ante a súa frustración por non enfrontar directamente ás forzas da resistencia, con todo, e fronte ao contubernio dos gobernos neoliberais e de dereita do occidente colectivo, aquelas contan co apoio de forzas externas como Hezbolá que respondeu con fogo de artillaría aos postos de ocupación israelís no Líbano e aos do territorio da entidade sionista, así como co apoio iemení que a pesar de se situar a unha distancia de máis de 2000 quilómetros de Tel Aviv, lanzou mísiles para apoiar a resistencia e impedir que o Exército sionista concentre todas as súas forzas no masacre tanto na Franxa de Gaza como na Cisxordania ocupada. Irán, pola súa banda, apoia o pobo palestino sen se involucrar directamente xa que a súa intervención suporía rexionalizar o conflito e a guerra no Medio Oriente.

 De calquera forma, independentemente do tempo que se manteña o ataque sionista contra o pobo palestino, o certo é que a resistencia puxo ao descuberto o mito da «infalibilidade» do sionismo e abriu a posibilidade histórica da liberación de Palestina e a segura constitución do seu Estado-nación soberano, independente e cun altísimo sentido ético e xeopolítico no nacente mundo multipolar.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de novembro de 2023]