O comité solicita reunión co conselleiro de Economía para abordar as pretensións da XEAL de ampliar o negocio enerxético
O comité de XEAL acaba de solicitarlle unha reunión de urxencia ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía e Empresa, Francisco Conde, logo de coñecer que a empresa pretende construír unha estación de bombeo reversíbel no monte da Ruña (Concello de Mazaricos) para ampliar o negocio enerxético, cando leva anos recortando a actividade nas fábricas de ferroaliaxes.
Hai que lembrar que XEAL xa se beneficia dunhas concesións públicas para a xeración de enerxía hidroeléctrica que están ligadas á produción de ferroalixes nas fábricas de Cee e Dumbría e ao mantemento do emprego. Pero dende que se efectivizou a fraudulenta operación de compra-venda entre FerroAtlántica e TPG-Ithaka en agosto 2019, "a dirección incumpre as condicións esenciais das concesións, reducindo de xeito progresivo a produción nas fábricas e destruíndo postos de traballo", denuncian.
Ademais, o pasado 5 de marzo, XEAL volveu parar o forno 14, que era o único que mantiña en funcionamento na factoría de Cee, deixando así de producir manganesos e sen actividade de ferroaliaxes ás instalacións de Brens.
O único interese da empresa é o negocio eléctrico
"Dende o primeiro momento, este comité denunciou que o único interese do fondo de investimentos norteamericano era o negocio enerxético e que con esa operación se estaba comprometendo a viabilidade das fábricas e dos empregos", subliña o presidente do órgano de representación, Alfonso Mouzo (CIG). Por iso, entende que sería "un grave desprezo a toda a comarca" que a Xunta de Galiza autorizase este proxecto para que XEAL "gañe aínda máis cartos a conta de producir electricidade".
"Xa abonda de que a riqueza xerada pola explotación dos nosos recursos naturais só sirva para encher os petos de accionistas e especuladores, mentres se deixan morrer as fábricas, se destrúen empregos, se recortan os dereitos laborais e salariais do persoal e centos de familias no noso país se ven abocadas á pobreza enerxética a causa precisamente dos elevados prezos da electricidade. E iso, sen contar o impacto ambiental e social que este proxecto pode supor na zona", critican.
Por estas razóns, o comité reclama do conselleiro que atenda esta nova solicitude de reunión "e deixe de eludir as súas responsabilidades ante a desfeita industrial e social que estamos a vivir na comarca".