O comité intercentros insta a Función Pública a negociar de inmediato os procesos de estabilización
O comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza denuncia a negativa da Dirección Xeral de Función Pública a negociar a aplicación da lei de medidas para a redución da temporalidade na administración pública, que entrou en vigor o 31 de decembro do pasado ano. Función Pública ten a responsabilidade da xestión de persoal da Xunta de Galiza mais con esta actuación, "o órgano encargado de negociar e aplicar a lexislación en temas de persoal continúa a ningunear o comité intercentros, negándose a convocalo para abordar a aplicación da lei".
Lembran que antes do día 1 de xuño de 2022 ten que estar publicada a Oferta Pública de Emprego das prazas afectadas e por iso o comité intercentros ten instado a DXFP a convocar unha mesa de negociación, tal e como esixe o convenio colectivo, para abordar a aplicación da Lei, mais sen recibir resposta. "Instamos a DXFP a convocatoria urxente do comité intercentros, coa apertura dunha mesa, onde nos sexan entregadas as prazas afectadas pola Lei 20/2021 e a aplicación da mesma", apunta o presidente do órgano, Manuel Gallardo Canitrot.
A data de hoxe, son máis de 3500 prazas "que non sabemos como se van a ver afectadas pola nova normativa e non temos datos da cantidade total de prazas afectadas", engade. Lembra que persoal laboral é o colectivo cunha taxa de temporalidade maior dentro do persoal da Xunta de Galiza, tanto laboral como funcionario ou estatutario, chegando a cifras en torno do 54%.
Aínda así, Función Pública, "na súa política de ocultismo e de ninguneo á representación legal dos/as traballadores/as, segue a negarse a convocar unha mesa de negociación e dar os datos que a normativa vixente lle obriga a facer públicos".