O comité intercentros do persoal laboral da Xunta denuncia a falta de persoal nos comedores escolares
O Comité Intercentros do Persoal Laboral da Xunta de Galiza vén de denunciar a situación na que se atopan as traballadoras e traballadores que prestan os seus servizos nos diferentes comedores escolares dos centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Denuncia a escaseza de persoal de limpeza e, sobre todo, de cociña a pesar do incremento de persoal colaborador.
Asegura que aínda que se fixo efectivo, en parte, o anuncio da consellería de Educación de reforzo do persoal de limpeza, "as contratacións anunciadas seguen sendo insuficientes" , e que a situación é aínda máis grave no caso do persoal das cociñas "onde nin tan sequera se prevé o imprescindible reforzo deste persoal".
O comité denuncia que "a triste solución que estableceu no seu momento foi un incremento insuficiente do persoal colaborador que participa de forma voluntaria na atención ao alumnado durante o servizo de comedor".
Falta de persoal de cociña
O incremento do persoal colaborador non resolve os problemas da escaseza de persoal de cociña. Lembra que nestes momentos de situación extraordinaria por mor da COVID-19, nos centros de ensino establécense quendas para o servizo de comedor. "O persoal de cociña ten que asumir, ademais da elaboración dos menús, a preparación, picado e empratado do menú para menores de 6 anos, a desinfección en todas as novas quendas de xantar establecidas e nos espazos habilitados para comedores, como poden ser aulas (comedores escolares onde un só traballador/a ten que asumir a tarefa de elaborar a comida para 73 comensales, así como a limpeza das instalacións de comedor e cociña e a desinfección do mesmo entre quendas).
Nalgún caso, estas novas dependencias habilitadas para seren empregadas como comedores están distantes das cociñas, incrementando considerablemente as cargas de traballo e sen ter un aumento de persoal que palie dalgún xeito este traballo extraordinario. Á parte disto, este persoal ten que ser o garante dun bo servizo nutricional e de seguridade alimentaria.
O comité intercentros asegura que hai centros que nunha situación ordinaria, antes da actual pandemia, estaban dotados con persoal por debaixo de ratios, situación que se agravou considerablemente co incremento de traballo esixido polos protocolos da COVID-19.
Por iso lembran á Xunta que é o seu deber dotar de persoal suficiente os centros para prestar con garantías este imprescindible servizo nos centros educativos e incrementar, sen máis dilación nin escusas, o persoal necesario para afrontar todas as necesidades que esta situación extraordinaria da pandemia está ocasionando.