O comité intercentros do aeroporto de Santiago exixe o cese do Director por negarse a recibilos
Representantes do comité intercentros do aeroporto de Santiago exixiron esta mañá, en rolda de prensa, o cese inmediato de Ricardo López Navarro como Director do Rosalía de Castro porque “está visto que non sabe relacionarse cos traballadores e traballadoras do aeroporto e porque a actitude que está mantendo cara ao persoal é propia doutros tempos”. Ademais advertiron que valorarán a convocatoria de folga nos meses de xullo e agosto se persiste nesta actitude e solicitaron da prensa que “simplemente lle pregunte se vai facer caso omiso ás resolucións do Parlamento galego e do concello de Santiago nas que se lle insta a que se reúna coa representación deste comité”.
En representación do comité intercentros, Pablo de Prado lembrou que o pasado día 5 de xullo o Parlamento de Galiza aprobou, por unanimidade, unha Proposición Non de Lei na que se insta a AENA a que se reúna con comité; a que manteña a cantina nuns prezos similares aos que viña tendo e nas mesmas condicións. Maniféstase ademais o apoio explícito ás súas reivindicacións. Un acordo moi similar ao que xa adoptara, tamén por unanimidade, o concello de Santiago.
Petición de cese
Ante isto, de Prado subliñou que “o Parlamento galego é a representación democrática do pobo galego e é esa representación democrática quen lle está dicindo a AENA, nomeadamente ao director do aeroporto que, por favor, se reúna co comité intercentros”. Considerou que o feito de seguir ignorando ao persoal malia levar 4 meses mobilizándose, mais tamén ás institucións, “evidencia unha maneira de traballar propia doutra época, para moitas de nós afastada, pero temos que estar sempre pendentes porque hai aínda algúns residuos daqueles tempos”.
Por iso o comité intercentros reclama o cese inmediato do Director do aeroporto do que denunciaron, ademais, que nin sequera permitiu que utilizaran, para esta rolda de prensa, a sala de prensa do aeroporto, o que obrigou a celebrala diante da porta pechada, en pleno pasillo do terminal de 'Chegadas'. "Alegou que non o contempla nin a Lei de Liberdade Sindical (LOLS), nin o Convenio 87 da OIT relativo á Liberdade Sindical".
Solicitude de novas xuntanzas
Por iso o comité, subliñando que esta é unha empresa pública, considera que “algo terá que dicir o goberno de Madrid a respecto desta actitude dun representante do seu goberno na empresa AENA”. De aí que o pasado martes xa rexistraran, na Delegación do Goberno da Coruña, unha solicitude para manter unha reunión co delegado do Goberno para que, “por favor, medie neste conflito entre AENA, e nomeadamente a dirección do aeroporto, co comité intercentros para continuar co servizo de cantina”.
Tamén remitiron cartas tanto ao Ministro como ao Defensor do Pobo en Madrid, adxuntando os acordos do Parlamento galego e do concello de Santiago e solicitando o seu apoio. Xunto a isto, hoxe mesmo, rexistraron ademais unha petición similar ao Director Xeral de Aeroportos de AENA e á Directora Xeral de Comercial de AENA.
Convocatoria de folga
O representante do comité reiterou a súa aposta pola negociación mais advertiu que “a única saída que nos está deixando a dirección do aeroporto de Santiago, chegados a este punto é, ademais de pedir o seu cese, a convocatoria dunha folga nos meses de xullo e agosto”.
Pablo de Prado subliñou que “que non queremos chegar a unha medida tan drástica” pero considerou que tras intentar primeiro outras alternativas “máis non podemos facer no noso intento de buscar unha solución a este conflito”.
Mantemento da cantina
A única demanda do persoal do aeroporto Rosalía de Castro é o mantemento da cantina, que leva 64 anos ininterrompidos funcionando no aeroporto. Un servizo que, segundo veñen denunciando, quere suprimir a dirección de Aena e, en concreto, a dirección de Aena no aeroporto de Santiago.
De momento non saíu o concurso de restauración, que até o día de hoxe viña sempre ligado ao mantemento de cantina. “Temémonos que está a saír en breve, hai aínda a posibilidade de que nos pregos se inclúa. Se, cando saia, xa non figura entenderemos que desaparece e que o persoal do aeroporto teremos que pagar eses prezos desmesurados por tomar un café ou un bocadillo”.