O comité Intercentros de Política Social chama a mobilizarse os días 20 e 28 de xuño

Denuncia que a consellaría non dá ningunha solución á problemática das Residencias
Nacional - 14 Xun 2023

O comité intercentros de Política Social chama a mobiizarse os días 20 e 28 de xuño diante da falta de solucións da consellaría por mor da problemática que se está xerando nas residencias a consecuencia do ingreso de usuarias e usuarios con diversas patoloxías, que interfiren coas necesidades das persoas maiores ingresadas.

O Comité Intercentros reuniuse o pasado día 15 de maio coa Consellería de Política Social e coa Dirección Xeral da Función Pública para analizar a problemática que existe a data de hoxe nos centros de atención directa da Consellería. Unha xuntanza na que se fixo fincapé no novo tipo de usuarios que están a ser ingresados nos centros de Política Social. Usuarios máis novos e con diversas patoloxías psiquiátricas, alcohólicos, de dependencia ou de arraigo social.

O comité trasladou que os centros non están preparados estruturalmente para albergar esta nova tipoloxía polos conflitos que xera, coas necesidades de tranquilidade e seguridade dos actuais usuarios maiores nas Residencias. 

Neste sentido, Manuel Gallardo Canitrot, presidente do comité intercentros remarca que “as e os profesionais non teñen os medios necesarios para unha boa atención, nin moito menos persoal suficiente para cubrir as necesidades, urxencias ou crise que poidan xurdir en este tipo de usuarios”.

Explica que as traballadoras e traballadores dos centros de atención directa as 24h durante os 365 días do ano “non temos ningún tipo de compensación por traballar os sábados, domingos e festivos  dende o ano 2012,suspendida temporalmente  a pesares que dita compensación recóllese expresamente na Lei de Emprego de Galicia, no seu artigo 137.2.d)”.

Apunta que nesa xuntanza manifestouse a necesidade de dotar os centros de máis persoal, dimensionando as plantillas  á realidade actual, xa que a ratio de persoal/usuario é do ano 2006, cando a denominación dos centros era diferente e existían centros de atención a persoas “válidas”. A este respecto lembrou que “agora todos os centros son de atención a persoas dependentes e con multipatoloxías”.

Gallardo Canitrot subliña que tanto a dirección xeral de FP como a consellería de Política Social, comprometéronse a presentar un documento para a súa negociación na semana da reunión ou, como moi tarde, a semana seguinte. Documento que ía pivotar sobre estas  cuestións básicas e imprescindibles a dia de hoxe como a creación de postos de traballo dentro da RPT; compensación por traballar domingos e festivos e análises da tipoloxía dos usuarios dos centros e solucións inmediatas.

O presidente do Intercentros denuncia que, malia isto, a Xunta de Galiza e, sobre todo, a Consellería de Política Social, incumpriron de novo a súa palabra xa que, transcorrido un mes seguen sen recibir ningún tipo de proposta.

Mobilizacións

Vista a actitude de “ninguneo” por parte da Xunta de Galicia, o Comité Intercentros e os Comités de Empresa da Consellería de Política Social convocan as seguintes mobilizacións:

- Dia 20 de Xuño caravana de coches en:

  • A Coruña (Oleiros – Xefatura Territorial)
  • Lugo ( R.M As Gándaras – Edf Administrativo da Xunta)
  • Ourense (Taboadela (CEPM) – Ourense (Casa de chocolate)
  • Vigo ( O Meixoeiro – Edf Administrativo Xunta en Vigo)

- Día 28 de Xuño concentración diante de San Caetano (Compostela)